Opinión

Publicidade ofensiva

A muller e o seu corpo sempre foron un obxectivo prioritario na publicidade. E a teima de empregar o seu físico de maneira frívola como un elemento para chamar a atención, vender un produto ou mesmo promocionar unha idea, sempre estivo guiada por certos límites éticos aínda que todos bastante machistas. Pero, dende hai un tempo, tales límites difusos dese machismo que marca o que se pode facer ou está prohibido están a ser superados. Parece que agora todo está permitido e todo vale con tal de chamar a atención e lanzar ó mercado o que sexa.

Hai uns días, un anuncio que ofertaba unha praza de camareira en Sanxenxo poñía unha serie de condicións que tiñan que cumprir as persoas que quixeran optar a tal posto. Dicía o anuncio que tiñan que ter uns determinados atributos físicos e certa dispoñibilidade do seu corpo para ser admitidas. Estaba claro, as mulleres non so tiñan que servir as copas, se non que ademais debían lucir unha determinada figura e certa dispoñibilidade para o xefe, pois era condición indispensable.
Nestes días, nunha rede social, outro anuncio chamaba a atención. Un local de comidas promocionaba a venda de hamburguesas e na foto do anuncio poñía unha muller totalmente espida e troceada en pezas, tal como están nas carnicerías os animais que comemos a diario. Así estaban marcadas as partes do corpo, a panceta, as pernas, os muslos, os peitos, etc. Como se fora un produto cárnico para asar, guisar ou cocer e logo degustar.

Vivimos nunha sociedade libre onde está permitido case todo, pero hai cousas e facetas que teñen que aterse a unha regras que non ataquen a integridade, a dignidade e a moral e ética das persoas. 
A publicidade ten que ter unha regras que ninguén pode saltar por moi moderno que se considere. Ademais, que teñen que ver as hamburguesas coa foto dunha muller espida marcando as partes do corpo como se fora a ser dividida e esnaquizada en anacos para a súa venda? Menudo animal irracional é o que pon tales anuncios. Menudo besta que anuncia unha praza para contratar unha persoa con tales condicións. 

Resulta un tanto triste e sumamente difícil de entender a maneira como se usa a figura do corpo humano como elemento publicitario. E dentro deso a que peor parada sae sempre é a muller, pois aparece soamente como elemento de desexo carnal. Un elemento para usar e tirar. Aparece como un obxecto, unha cousa que se emprega e logo se bota o lixo. A pregunta podería ser a seguinte: onde esta a dignidade da persoa que ten sentimentos e vida propia? Non estaremos como sociedade perdendo o norte?

Moito ten que cambiar a sociedade actual para entender que os seres humanos temos, neste caso as mulleres, unha dignidade que non pode ser empregada como elemento de comercio e promoción para acadar obxectivos económicos e gañar máis cartos. Xa chegan os milleiros de anuncios diarios que circulan nas páxinas de contactos, se non que teñen que aparecer os que comento.
Vivimos nunha sociedade machista e sumamente desnaturalizada. Si, unha sociedade que ve á xente soamente como elemento comercial, e á muller como obxecto de uso exclusivamente carnal. De pena.

Te puede interesar