Opinión

Recuperando historias de Seixalbo

Quen descoñece o pasado,

quen ignora a súa historia

e non garda na memoria

o saber de onde ven;

anda no mare sen rumbo

quedando a mercé do vento,

dando tombos nun deserto

que non lle dá de beber...

 

Seguindo o expresado nos versos do comenzo, Agromadas como Asocición Cultural leva anos tentando recuperar historias, feitos, costumes e persoas salientables pra que sexan coñecidas non só polos veciños se non que, como formaron parte do noso pasado, tamén se saiba algo máis delas. Coñecíamos o nome doutros músicos que non sufriron a emigración como Raúl Rodriguez Pazo, coengo da Catedral de Ourense; tamén de José Sanchez Paredes e Anselmo Iglesias. Pero aínda que tiñamos na memoria ós irmáns Guede pouco sabíamos deles.

Primeiro foi o libro Seixalbo Anacos do Pasado de Marga Seara, Elena Gonzáles e un servidor o que nos puxo na pista. logo coa recuperación da Festa dos Foros apareceron datos ós que seguiron outros achadegos e a conexión con familiares de Emilio Guede no Perú datos que aportaron máis informacións e partituras manuscritas. Por eso hoxe tócanos falar desas xentes que, sendo emigrantes, nunca se esqueceron do seu lugar de nacemento.

 

A EMIGRACIÓN A CUBA

A emigración galega de finais do século XIX foi unha realidade que, a pesares da tristura do feito migratorio, en Galicia tivo moitos aspectos culturais positivos. E ademais do sinalado deixou moitas historias de persoas que destacaron en facetas artísticas; historias que se transmitiron oralmente no seo das familias. E, en Seixalbo, antiga Vila e Couto, tamén houbo xente que foi emigrante e que nise tempo destacou deixando pegada musical e empresarial no chamado novo mundo.

Se nalgún momento falamos de César Iglesias Freire que fundou unha empresa que a día de hoxe é unha das máis grande da República Dominicana, agora tócanos falar de dous músicos nados en Seixalbo; dous irmáns que, como outros galegos, labraron un futuro na illa do Caribe. Dous músicos que co seu bo facer artístico deixaron composicións, polas que foron persoas destacadas e moi apreciadas en Cuba. Persoas que tiveron moita relación con todos os intelectuais que daquela estaban no prestixioso Centro Galego da Habana. Veciños que se relacionaron con poetas como Ramón Cabanillas e músicos como José Castro Suarez (Chané). Dous irmáns que, con outros músicos galegos de diversos lugares, desenvolveron unha importante actividade cultural e musical que tivo un grande eco na Habana daqueles anos.

Agromadas como Asociación Cultural que reivindicar a esas figuras, xente que nunca renunciou da súa orixe galega e que tivo a orgullo de dicir de onde viña e trunfar nun mundo que lle era alleo.

JOSE GUEDE RODRIGUEZ, SEIXALBO 1888 - CUBA 1939

Marchou de rapaz do Seixalbo natal a Cuba e, despois de varios traballos, inclinouse, cos seus escasos coñecementos musicais, pola arte das sete notas, onde a súa figura foi medrando ate gozar de gran prestixio entre os numerosas persoas que se xuntaban no Centro Galego. Foi director da Coral Saudade e gran animador e colaborador do teatro da Ópera Nacional de Cuba onde se representaban zarzuelas e obras musicais moi importantes.

Deixou, na súa corta existencia, un fato de composicións. Citarei dúas: Anduriñas do mar con texto de Manuel Grandel Linares; Cousas do diaño con texto de Agustín Rodriguez e Eu tiña Corazón poema de Ramón Cabanillas.

A revista do Centro Galego da Habana polo seu pasamento adícalle un amplo reportaxe o mestre Guede. Del fala, facendo moitos eloxios e sinala a súa relación con personalidades, (músicos poetas) galegos e cubanos da sociedade daquel tempo. Na reportaxe fálase de colaboracións musicais coa ópera nacional de Cuba e do seu derradeiro concerto dirixindo á orquestra nacional de Cuba conxuntamente coa Coral Saudade. Os seus restos están no panteón de Solidaridade Musical entidade coa que colaborou dende a súa fundación. Como colofón, diante a petición dos seus compañeiros do centro Galego de que lle dera uns datos bibliográficos, reproducimos a carta autobiográfica que fala moito da súa personalidade.

Carta manuscrita de Jose Guede
Carta manuscrita de Jose Guede

RESUME DA CARTA AUTOBIOGRÁFICA DE JOSÉ GUEDE

Ós 18 anos viñen a Cuba, e nunca estiven en Madrid. Nunca entrei nun conservatorio. Recibín moitos e bos consellos de bos mestres; consellos que se converteron en proveitosas leccións. Estudo sempre e non sei nada. Toco a gaita, o tamboril e o bombo, e cando podo dou unha escapada polas cámpas de Galicia e bótome a soñar.

EMILIO GUEDE RODRIGUEZ, SEIXALBO 1892 – CUBA 1969

Irmán do anterior tamén emigrou de moi mozo levando consigo uns básicos coñecementos musicais. En Cuba estudou con importantes mestres pasando a ser un saxofonista reputado. Máis dento del existía unha vocación musical e creativa importante que sobrepasaba o ser só un bo instrumentista; o que o levaría a prosperar e moito nese eido. Polo que pasou a formar parte da “Banda de música da Marina Institucional de Cuba” da que foi Tenente Subdirector.

A súa inspiración non se fundaba soamente nas suxestións da saudade, senón que, como se pode comprobar nesta breve lista de obras que achegamos, escollía tamén outros camiños. Compuxo moitas pezas musicais. Velaí unhas cuantas: a melodía galega Los pastores; o poema sinfónico Paisajes; os pasodobres El beso de la Patria, Esther Pagés, El Bando e Laureles y Flores; as marchas procesionais El Buen Pastor e Don Bosco; a marcha fúnebre Último sono; a peza Lonxe da Guerra sobre uns versos de Xulio Sigüenza; a composición coral a seis voces mixtas A balada de gaiterillos, con letra do P. José Rubinos, dedicada á Coral Saudade, ou Plegaria para un preso, con letra do mesmo autor. Hai constancia da estrea solemne do fermoso pasodobre de temática galega Laureles y Flores nunha festa do Centro Galego da Habana. Nese centro estaba a Academia de Belas Artes onde Emilio Guede era profesor. Este músico tivo unha longa vida e finou, xa retirado, anos despois de que triunfara a Revolución encabezada por Fidel Castro.

Pois ben iste 22 de maio a Asocición Cultural Agromadas seguindo a súa labor de quitar do esquecemento a seixalbeses salintables, lembrará a estes músicos seixalbeses e colocará unha placa na casa da familia Iglesias Guede. En primeiro lugar pra recordar a súa labor artística alén dos mares, e tamén pra que todos os veciños saiban algo máis dos seu pasado. Pois onde existe unha mensaxe escrita hai unha historia viva que deixou unha impronta digna de mención.

Artículo sobre Emilio Guede Rodríguez del 1935.
Artículo sobre Emilio Guede Rodríguez del 1935.

Te puede interesar