Opinión

Reflexións en outono

Aínda que non o pareza, vivimos presos do calendario. As datas marcan a nosa existencia e o camiñar pola vida. Ás veces penso que sen calendario andaríamos perdidos no mundo. Non teríamos referencias e seríamos como nenos ós que alguén ten que guiar. A nosa vida sería como vivir sen pasado e sen saber que facer no presente, polo tanto, andaríamos perdidos ó pairo do que puidera acontecer no decorrer dos días. 

E por que digo isto? Pois fágoo despois de escoitar a xente maiormente nova que, absorbida polo traballo diario e tamén polo que se entende como modernidade, soamente ve as datas como elementos exclusivamente para a diversión, cuestión que, nos máis maiores cambia, e moito. As datas vense como lembranza de aconteceres e recordos. Por iso, o peso dos anos e a experiencias vividas deixan pegadas festivas, tristeiras e unha boa ristra de detalles que asaltan de cando en vez á nosa memoria.

A nosa vida está chea de acontecementos que, co paso do tempo, volven a avivan a saudade. Uns falan da familia, outros dos amigos e da mocidade e, os máis tristes, da desaparición dun ser querido. Agora que estamos xa en pleno outono, pero con temperaturas de verán, e esperamos con certa inquedanza que chova, que veña esa auga mansiña, parece acaido facer balance dun ano que está no derradeiro trimestre.

E non soamente pensar nas festas como a do Samaín nas distintas versións, importadas do mundo nórdico. Ben sei que o alcalde de Vigo xa anda a poñer as luces do seu particular Nadal. Nadal que comeza a ter certa contestación social. E que o noso, o ourensán, emulando ó da cidade olívica, aproba unha cantidade moi importante para poñer tanto “lucerío” que, por excesivo, semella ser un tanto chocalleiro e zafio. Mais, como semella que vivimos nun mundo irreal e de fantasía, que é tanto como deixarnos enganar polas apariencias, ate parece que somos felices. E non é así. En toda festa, aínda que o fundamental quede sen facer, o importante é aparentar. O demais, xa se fará.

De todas as maneiras sería moi bo que comezáramos a facer unha reflexión e poñer nun lado as cousas positivas que nos deixou este ano 23 e, no outro, as negativas. E veríamos que camiñamos nunha sociedade na que a apariencia manda en case todo. Que a realidade, por estarmos inmersos na rutina, é moi fantasiosa, e que de seguir o camiño que levamos as consecuencias, que a curto prazo non se ven, pasarannos factura. E deixo unha cantas cuestións para reflexion: Quen fala da situación climática e as consecuencias que dela se poden derivar? Moi poucos. Que pasa coa invasión das novas tecnoloxías e o grao de control e papanatismo que aportan como elemento de modernidade? Case ninguén. Que pasa coa situación derivada das guerras que están á porta da vella Europa e como nos afectan? Que acontece coa perda de valores nas sociedades modernas e na familia como eixo fundamental e vertebrador da sociedade? E, achegándonos a nosa terra, pregunto: desapareceremos como comunidade política e social, pois a nosa personalidade representada na forma de ver o mundo e na lingua non ten futuro? Que será desta nosa cidade polo camiño que leva hoxe, onde a anticultura e o desprestixio institucional rixe no 

Concello?, e cando se afrontaran os grandes problemas que ten a cidade, mentres se malgastan os cartos en festas e outras banalidades?

Estas poderían ser as preguntas que esperan resposta. E as que, ó estarmos soamente pensando no divertimento, vémolas case innecesarias. En fin, como as datas condicionan a nosa existencia, e como estamos a piques de rematar un ano, é un bo momento para pensar no futuro desta sociedade consumista que soamente camiña a golpe de data festiva na procura do lecer sen mais.

Te puede interesar