Opinión

Reformas ou contrarreformas?

Nin en agosto se pudo estar tranquilo, pois o mes no que hai máis xente de vacacións veu cargado de novas tristeiras e preocupantes e de algunha que ten visos de ser esperanzadora. As guerras de Siria e Ucrania, o conflito eterno entre israelíes e palestinos, o avance do yihadismo, a execución dun xornalista e o que parece unha pandemia, o ébola, encheron de noticias mouras os medios de comunicación. E como nunca nos desprendemos de todo trebello comunicativo no tempo estival, nin somos capaces de desconectar co que acontece ó noso arredor, seguimos as novas día a día, e todos, sen dicilo, andamos un chisco preocupados. E no medio deste panorama sombrío, no que os anuncios solemnes do presidente Rajoy traen incerteza, chegou a Compostela a señora Merkel; e veu para apoiar ó presidente do noso pais, para que este fixera publica a nova de máis reformas estruturais (eu como moitos chámolle contrarreformas, que soamente traen desigualdade e encollemento da economía); reformas que traerán sacrificios difíciles de explicar, pero que saíran adiante apoiadas pola maioría absoluta dos populares. E se a isto lle sumamos o cambio de posicionamento do presidente no referido á reforma electoral, onde dicía que non se modificaría a lei que regula ás eleccións municipais sen consenso, e agora di que hai que facelo por riba de todo, parece que se aveciñan tempos de conflito e tensión social.

Mariano Rajoy anda empeñado, xuntos cos seus, en deixarnos a todos un tanto atónitos co valor que teñen as súa palabras, pois se non hai moito tempo predicaba unha cousa, pasados uns meses di a contraria e case de maneira ameazante. Pois agora, segundo din os populares, unha gran maioría social pide que os alcaldes sexan elixidos directamente polos cidadáns. E digo eu: pídeno ou necesítao o PP para non ter un rotundo fracaso nas eleccións municipais?

Dende logo, empregando argumentos que confunden e mesturan o que é a lista máis votada coa que ten a metade máis un dos concelleiros que ten o pleno da cámara municipal, non se soluciona ren. Pero nesa proposta partidaria, sectaria e comenenciuda de parte, soamente fala de elixir ós alcaldes, e nada de reformar a lei para que as listas sexan abertas para os concellos. Diso, nada de nada.

Vivimos tempos nos que na política, a palabra dada carece de valor e soamente se traballa mirando o interese electoral de parte para seguir montados no carro do poder. Se a lei electoral actualmente xa prima as maiorías, agora, como non chega, hai que primar máis o partido maioritario dándolle unha maioría ficticia con respecto ó número de concelleiros que son elixidos por unha circunscrición electoral que neste caso é o concello.

Estamos, pois, diante unha nova adulteración da democracia, diante a imposición dunha norma que fuxe do consenso a escasos meses dunhas eleccións, e isto sona á interese propio e asemellase a copia do que nalgún momento se fixo en países como Venezuela, cando unha parte cambiou a Constitución sen escoitar a outros sectores sociais que conforman o pais. Resultado: un pais dividido e sen visos de chegar a acordos de longo percorrido. Con reformas que son contrarreformas para aumentar as desigualdades sociais e, sobre todo, o cambio da norma electoral, o fraude democrático, revestido de boas palabras, está a piques de implantarse nesta España onde unha parte, maioría momentánea, impón, e a outra parte soporta o abuso sectario dos que rachan consensos e son incapaces de buscar outros novos.

Con todo, o mes de agosto tamén trouxo algunha nova positiva, pois a Igrexa deixa atrás a época Rouco, e abre unha nova interpretación admitindo que non se pode condenar ó que pensa distinto e quere vivir a súa vida de maneira diferente fora dos preceptos do cristianismo, e tamén que debe propoñer a súa mensaxe e oferta de modo de vida, pero non debe meterse nos asuntos da política que so lle competen ó Goberno.

En fin, que este novo curso político traia diálogo e acordos para non fracturar máis unha sociedade castigada pola corrupción e as reformas, que non son máis que contrarreformas que recortan dereitos gañados durante moitos anos e soamente debilitan ós máis débiles.

Te puede interesar