Opinión

Un servizo para todo o concello

Os ditos e refráns populares teñen tras de si a carga da experiencia e do saber, e son unha guía que, polo menos, debemos ter en conta. Por tal motivo lanzo ó vento o seguinte: O que non sabe onde vai non chega a ningures. Cando algo funciona ben e non hai queixas nin reclamacións contra ese servizo, non o toques, pois pode que saias escaldado e crees un problema onde non o hai.

Vexo no xornal que o alcalde Jácome pretende facer unha redución de liñas, ademais de modificar a estrutura do servizo dos autobuses urbanos; servizo que funciona ben e que abrangue a día de hoxe toda a xeografía do Concello de Ourense.

Que lembre, cando tiña seis ou sete anos, ou sexa alá polo 1955, montei por primeira vez no autobús que me levou á cidade. E gardo ese recordo de neno pois quedoume gravada a escena cando pasei pola ponte das Burgas. Xa choveu. E dende eses anos sempre houbo autobuses urbanos en Ourense. Aínda que polo 1966 chegaron os cercanías, aqueles autobuses brancos que para os do extrarradio significaron un forte retroceso, pois limitaron servizos, non cumprían horarios e non chegaban como antes, preto dos núcleosm como acontecía en Seixalbo e outros lugares do termo municipal. A volta dos urbanos ó rural fíxose sendo alcalde o sr. López Iglesias. E dense esas datas, todos os alcaldes foron mellorando o servizo ata o día de hoxe.

Outro detalle do que me lembro é que, a medida que o servizo se ía afianzando e medrando, a liña número 1 era -e a día de hoxe aínda é- a que ven a Seixalbo. Despois desta naceu a liña 2, que arrincaba dende Cudeiro a Seixalbo e aínda hoxe se mantén.

Pois ben, dende eses anos, os autobuses urbanos sempre foron o nexo de unión que valía para comunicarse en todo o territorio do concello. Mais agora que, dende a alcaldía, falan dunha reestruturación e eliminación de liñas e percorridos, convén poñer sobor da mesa unha serie de datos que son a columna vertebral para o bo funcionamento deste importante servizo.

O primeiro dato é que a xeografía urbana de Ourense é moi distinta a das demais cidades galegas. E iso condiciona case todo e, como non, ó servizo aludido. A cidade non ten un núcleo que a fixera medrar de maneira circular, onde houbera un centro do que sairían todos os servizos. Ourense ten unha configuración xeográfica estirada que medrou seguindo as principais vías de comunicación, que a cruzan de norte a sur. Pensemos na antiga Nacional 525, hoxe rúa do Progreso, e a estrada de Vigo a Ourense por Santa Cruz. E polo tanto, esta cidade carece dun espazo central amplo que actúe como núcleo distribuidor dende onde saian todos os autobuses para as distintas zonas.

O segundo aspecto é que o servizo está pensado para permitirlle ás persoas vir á cidade dende os distintos barrios e dende todo o chamado perímetro rural, que no caso de Ourense é moi grande e vai dende o Cumial ate o río Viñao en Santa Cruz, e nel habitan máis de 15.000 persoas. E para eso está o billete único, ó marxe das gratuidades e rebaixas que son poucas para determinados colectivos. Esto permítenos ir dende o Cumial ata Santa Cruz de Arrabaldo, Palmés ou á Estación intermodal sen facer ningún transbordo.

Outro aspecto, que nos fala da mobilidade das persoas que empregan os servizos diariamente, é que as liñas que máis xente moven, todas veñen de norte a sur ou viceversa. Ou sexa: Quintela, Seixalbo, Cumial, Residencia e A Valenzá. As liñas este-oeste teñen moito menor movemento de persoas, cuestión que compre estudar e arranxar na medida do posible.

É unha primeira análise do bus urbano que cumprirá continuar.

Te puede interesar