Unha sociedad narcotizada?

Unha sociedad narcotizada?

Cos  escándalos e corrupcións que  saen á luz constantemente; coa perda de dereitos e recortes  laborais continuos; cos intentos de mediatizar a independencia da xustiza que día a día imos coñecendo; con todo o que chove de negativo, e con todo o que acontece, percíbese unha sociedade un tanto narcotizada que, en datas moi concretas como a do Primeiro de Maio, non reacciona e celebra unha festa reivindicativa  que hai moitos  anos púxolle reglas a un capitalismo salvaxe como o era o do  século XIX. 

Que nos pasa que,  cando lembramos a data universal dos dereitos dos asalariados, non se suma a sociedade a unha festa que recorda  que, dende aquela data,   rematouse coa escravitude laboral e  gañouse unha  xornada de traballo moi  semellante a que temos hoxe? Na sociedade que nos tocou vivir, son moitos os cidadáns que pensan que os dereitos gañados hai moitos anos nunca serán, empregando unha linguaxe moi de hoxe,  flexibilizados, reformados e recortados. Cecais pensan que son inamovibles.  Pois están nun erro,  dado que  día a día acontece o contrario e non parece que a cousa pare.

Son dos que penso que as sociedades avanzan máis e mellor cando a paz social impera. Cando a negociación non é imposición; cando se reparten as cargas da crise.  Pero  cando as crises como a que padecemos soamente se carga sobre a parte social, estamos diante un indicativo de que algo funciona  mal, pois  ademais de ser algo inxusto, os asalariados tamén son consumidores.
Vivimos tempos de incerteza, de inquietude, pois a ética na política non existe. Vivimos tempos nos que, por aquelo de que somos libres, adoramos o individualismo en detrimento do que nos afecta a todos. E xa se sabe aquelo de divide e vencerás.
Este Primeiro de Maio houbo as manifestacións  xa tradicionais.  Pero a asistencia foi semellante a de outros anos. As mesmas caras, un chisco mais vellas; os mesmos berros, as mesmas bandeiras e moi poucos parados  e mozos. E mentres, a nosa sociedade, nesa que nos tocou vivir,  vai esmorecendo e facéndose máis irrelevante, E cando digo isto penso en Ourense e no resto de Galicia. Asumimos  a  resignación, o conformismo e a impotencia e o destino  como   donos da nosa existencia.

Polo que percibo que, como cada persoa ten a súa historia e cada historia o seu tempo,  todo seguirá mais ou menos igual por moitos anos. Ou sexa, carecemos de  futuro e aceptamos con resignación o ir tirando. Vivimos  nunha sociedade un tanto narcotizada  e sen esperanza. Vivimos un tempo no que non queremos ser protagonistas da nosa vida. E  unha sociedade narcotizada polo individualismo ten un gris futuro.  E mentres iso sexa así,  seralle máis sinxelo  os  de sempre,  gobernar sen complexos. E  serán os gañadores pois seguirán  cargando  as crises sempre sobre nós.