Opinión

Tempo de Magostos

As datas sinaladas, e dentro delas as festas, marcan sempre o camiñar pola vida da maioría dos seres humanos. Se no decorrer do ano non houbera datas festivas estou seguro que teríamos moitas desazóns e incluso sería todo moi aburrido. Ademais, perderíamos moitas referencias que, o fin e o fallo, traen lembranzas de todo tipo. Son, polo tanto, os magostos unhas festas socializadoras que marcan a nosa vida. No fondo, todos buscamos a felicidade. E non é que as festividades a traian completa, preo algo sempre axudan.

Non hai moitos anos, cada parroquia ou aldea tiña o seu ciclo festivo. As novas formas de vida, a regularización da vida laboral pasou de traballar unicamente a terra a facelo nunha empresa, e xunto o despoboamento do rural acabaron moitas desas celebracións. Mais hai festas, maiormente as de certa raigame, que por estaren xeralmente pegadas a un feito relixioso ou a un padroeiro, van máis alá do ámeto da parroquia e mesmo da provincia, e seguen vivas, e aínda hoxe son un referente socializador moi importante. Ese pode ser o caso da festa dos magostos. Os magostos son a xustificación para a xuntanza de amigos e das pequenas comunidades que no outono reviven lembranzas, e nesas reunións cantan e bailan con moita frecuencia. Son polo tanto estas pequenas festas un referente que une a todas as capas sociais da sociedade galega. Estou seguro que non hai aldea, e dentro dela grupos de xente con diversas razóns de afinidades, que no magosto non se xunte arredor dunha fogueira para comer as castañas, probar o viño e os chourizos. E desa actividade socializadora nacen relacións de todo tipo. Nacen amizades e tamén amoríos, xunto con outro tipo de negocios e complicidades. As sociedades sempre camiñaron coa práctica socializadora e as relacións humanas.

Mais é na nosa provincia, Ourense, onde esta festa ten unha raigame moi especial. Ten un sentido incluso identitario, pois baixo o nome dun padroeiro como é san Martiño, colle forza ensalzando a castaña que sae dos castiñeiros que viven neses soutos tan xenerosos desta terra e que mesturada coa proba do viño novo, ou sexa, o da colleita do ano, animan e moito un tempo no que a luz escasea, pois os días son máis pequenos. 

Moitos foron os poetas, pintores e músicos que louvaron os magostos e o viño novo. E nese senso lembro a Manuel de Dios, poeta e músico ourensán, e o canto que lle adicou ó viño novo: “Quero sentir o calor do viño novo, do viño novo que ferve no lagar”.

Con todos os problemas do momento, que non son poucos; con todos os atrancos e asuntos que marcan a nosa existencia; con todas as guerras e barbaridades que nelas hai e que día a día saen á luz, estamos no tempo dos magostos. Tempo de troula no que o outono anuncia a chegada doutra estación e doutras datas moi importantes que sinalan o camiñar pola vida. E como somos animais sociais e racionais, precisamos practicar a convivencia e a socialización. Precisamos a festa, pero non esa na que milleiros de xente xeralmente moza baila cegada polas luces e un son ensordecedor. que brinca como se fosen zombis escoitando unha música que abouxa. Non, ise non é o modelo. O modelo do magosto é outro moi diferente. É o do grupo de amigos, familiares e veciños que saen ó campo en pandilla e alí, arredor dunha fogueira, tecen amizades e forxan soños. A nosa vida sen metas e soños, parece que non ten sentido algún. E da socialización magosteira sempre saen cousas positivas.

Te puede interesar