Opinión

Tempo de Entroido e de eleccións

Como se fora un rito que ven de moi lonxe, unha costume que se repite ano tras ano, os veciños da Vila e Couto de Seixalbo, un ano máis, chova ou faga sol, subirán o 5 de febreiro á capela de santa Águeda para chamar á primavera, divisar horizontes, ver as obras do AVE que pasa o carón dela, louvar á santiña, lembrar tempos pasados e, porque non, falar do Entroido e do que pode acontecer nas eleccións do 18F. Non é unha premonición, non. É o que acontece ano tras ano.

A verdade é que dende este cumio vese o mundo doutra maneira. Ollar os pobos esparexidos e no fondo a cidade das Burgas é una boa visión para entender e coñecer unha parte moi grande do que é hoxe o rural do concello de Ourense.

Para os seixalbeses é un rito. É como unha débeda que temos cos nosos antergos. Pois este lugar era onde os bispos, que viñan dende Castela, segundo afirman algúns autores, poñían as roupas de gala para entraren na cidade como autoridades antes de tomar posesión dos seus cargos.

Nos tempos actuais é un lugar de espallamento e tamén de culto. A min véñenme á memoria varios aconteceres que considero importantes. O primeiro é a foto que no ano de 1931/32 sacaron as autoridades e veciños cando se inaugurou a chegada da luz eléctrica a Seixalbo. Foto que ilustra a portada do libro “Seixalbo. Anacos do pasado”, de Marga Seara, Elena Gonzalez e un servidor. A segunda é unha nova do xornal La Región. Nova rescatada do esquecemento polo veciño Rubén Requejo do arquivo da Asociación Cultural Auriense. Nela fálase da festa da árbore que o 25 de abril do 1971, organizada por esa asociación cultural, houbo neste lugar con moita asistencia de público e na que o concelleiro sr. Blanco Guerra e outros destacados persoeiros da cidade como Ferro Couselo, glosaron a importancia de coidar á natureza e o idioma galego. Foi unha festa de galeguidade na que, segundo nota do xornal, plantáronse varias árbores (Carballos) e houbo unha romaría con música e postos de pulpo. 

O tercerio asunto está relacionado coas inquedanzas duns mozos de Seixalbo que, no 1967, despois de elaborar un mapa á man do núcleo desa localidade, celebraron a primeira Festa do Pemento nese cumio. Foi un acto máis modesto co sinalado anteriormente. Mais da xente dese grupo naceu, anos máis tarde, a coral Agromadas. Este lugar ten para os veciños un simbolismo case telúrico que os atrae. Dende alí chámase simbólicamente pola primavera e nesas xuntanzas refórzase o vincallo da veciñanza. 

Este ano, as circunstancias son diferentes. Celebramos a Santa Águeda co Entroido petando ás portas, e nese tempo de troula e irreverencia, a crítica e a transgresión do que é norma coincide coa chamada para votar nunhas eleccións. Como se fose un gran paradoxa, esta realidade semella unha contrariedade. Nas eleccións hai que falar das cousas de comer, de cousas serias que afectan á nosa vida comunitaria e individual. Mais como as cousas son así, este cumio dende onde se albiscan horizontes e se ve a realidade de maneira distinta, tamén pode ser un bo lugar pra que todos reflexionemos e ollemos a oportunidade de trocar o pequeno mundo no que vivimos. E desa maneira, busquemos alternativas políticas ó que, dende hai anos non oferta máis que continuidade e un tempo gris escuro. En fin, dende este outeiro onde hai anos xa se falaba de coidar a natureza, dende onde naceron amoríos duradeiros e os mozos soñaban cun pobo mellor, dende os devotos lle rezan a santiña, despois de escoitar cantos e preces e de chamar pola primavera, ollemos o futuro con esperanza e traballemos por un cambio político e tranquilo nesta Galicia que o precisa con moita urxencia.

Te puede interesar