Opinión

Tempo de entroido

OEntroido está chamando á porta. Por iso nas vilas xa empezaron a quentar motores o domingo fareleiro e seguirán o próximo animando co corredoiro ou oleiro. Mais como este ano ven adiantado, parece que xa anuncia un novo tempo, que é tanto como dicir que andamos a chamar ás portas da primavera para ver se fuxe o inverno. Esta festa mundana tamén se pode entender como a festa da mudanza, pois nela moitos quítanse a careta coa que viven todo o ano e, no medio do rebumbio, ensinan, como se non fora a cousa, a verdadeira faciana; ensinan o que quixeran ser pero que non poden ou non se atreven a amosar. 

Co Entroido como escusa, quero poñer o punto de mira nos aconteceres diarios dos que nos gobernan e tamén, porque non dicilo, dos que aspiran a gobernar, pero hoxe son oposición. Como todo muda, un percibe que no maniqueo xogo de palabras, estas, na boca dos que mandan, serven máis para manipular que para contar verdades. Parece que o da política máis parece unha entroidada que dura todo o ano, que unha cousa seria e responsable na que hai que falar claro e, sobre todo, non contar troladas. 

Fixémonos nalgunhas cousas que acontecen e predican, como se fose un mantra, os que mandan en todos nós: “Nosotros creamos miles de puestos de trabajo, reducimos el paro y aumentamos las afiliaciones a la Seguridad Social. Nosotros sí somos los reformistas, pues mantenemos los servicios públicos. Nosotros somos los que llevamos a la justicia a los implicados en la trama Gürtel y demás asuntos turbios. Nosotros perseguimos la corrupción. Nosotros no somos populistas, hacemos lo que prometimos. Nosotros somos los que levantamos el pais; nosotros subimos las pensiones y bajamos los impuestos. Nosotros no hacemos recortes, hacemos ajustes y optimizamos los servicios; nosotros no privatizamos solamente, externalizamos. Nosotros: bla, bla ,bla”.

Mentres, dende a oposición, sabedores de que non van gobernar, prometen o que, cando estaban no goberno, non fixeron.

E mentres a xente búscase a vida como pode. Uns emigran, e dende o Goberno chámanlle “movilidad geográfica o ansias de conocer mundo”. Outros acumulan inxentes cantidades de millóns de euros, e din que os gañaron vendendo cadros pois eran marchantes. Outros cobraron en B, e calan como pedras mudas. E outros teñen os cartos que roubaron en paraísos fiscais. E mais preto de nós, na nosa cidade, vemos a precariedade na sanidade; vemos o desmantelamento dos servizos públicos. Vemos unha cidade e provincia sen futuro. Percibimos ó colapso nas urxencias, sabemos dos contratos dos facultativos por horas, do traballo en precario, etc. Mentres, a conselleira di que o colapso é un problema de “confort” ou culpa ós pacientes por non vacinarse.

O dos nosos gobernantes parece o mundo ó revés. Parece unha entroidada que dura todo o ano. E isto por non falar do que acontece no Concello da cidade, onde o concelleiro xusticieiro chámalle cobarde a unha concelleira que por ética dimite: “Cobarde y se marcha..., será cobarde”. Triste espectáculo.

O circo da política, cando se convirte en aparentar o que non se é, resulta algo esperpéntico que soamente se tolera nos días de Entroido. Pero non se enganen. Nestes tempos é así todo o ano. Na vida política a maioría anda sempre co careto posto para aparentar o que non é. 

En fin, estamos en tempo de Entroido e as cousas, aínda que parezan serias, hai que tomalas con moita precaución, pois case todo o que din os nosos gobernantes é mentira todo o ano, e durante o tempo dos felos a trola aínda é maior.

Teñamos moita precaución.

Te puede interesar