Opinión

Tempo de parrafeo

En certa ocasión, sendo maior, o cura da miña parroquia fíxome unha pregunta un tanto complicada a que contestei case axiña. Pero despois de moitos anos, aínda lle ando a dar voltas a resposta que daquela din. Don Antonio, que así se chamaba, díxome: e ti saberías dicirme se nós pasamos polo tempo ou se o tempo pasa por nós? Respondinlle: penso que nós pasamos polo tempo, pero tamén pode ser que o tempo pase por nós, pois os anos vannos consumindo. Se o miramos detidamente, a pregunta dunha maneira moi ampla, tamén podemos pensar que o tempo é finito e que tamén se gasta, claro que moito menos que nós. Polo tanto, quédome coa resposta de que nós pasamos polo tempo.

Cando estamos a piques de rematar un ano, e sabedores de que pasamos polo tempo, é cando nos facemos esta e outras preguntas, dado que coa idade temos máis vivencias e, polo tanto, máis recordos, o que da lugar a máis reflexións. E como estas datas son propicias para facermos un reconto do acontecido e tamén para pedir boas novas e venturas para o ciclo anual que logo empezará, todos botamos contas no individual e tamén no colectivo. Ou sexa: miramos cara a política, a crise, os problemas xerais e particulares, e marcamos metas.

Por iso, alomenos no lugar onde vivo, amo e sinto, aínda que con menos forza que nas épocas dos sesenta do século pasado, mantemos o costume de facer publicamente a despedida do ano coa lectura dun texto chamado “Parrafeo”, no que ademais das críticas con moita retranca sobre os feitos acontecidos no período que remata, tamén van as peticións para os 365 días que están a piques de empezar.

Pois ben, fagamos o noso parrafeo colectivo, familiar e individual no que incluamos todas as cuestións que aconteceron no ano, que foron moitas e que nos afectaron en tódolas frontes da nosa vida. Despois fagamos unha análise seria do que fixemos e sufrimos, marquemos os obxectivos, peticións e necesidades para o 2015, e preparémonos para vivir o tempo de Nadal con miras a un futuro marcado por unha fonda crise social e de valores, nunha sociedade que por moito que digan os que mandan, seguirá marcada pola economía e que afecta e machaca aos que menos teñen, que son, mellor somos, os máis. Logo, sen deixarnos levar polo consumismo acrítico e insolidario que tanto abonda, miremos ó futuro sen perder a esperanza de acadar unha sociedade máis solidaria, xusta e mellor. Pensemos no acontecido na nosa provincia, na nosa terra, na situación de milleiros de parados, na dilapidación da nosa cultura, e sen perder a esperanza nas nosas reivindicacións sociais e políticas actuemos no futuro en consecuencia.

O calendario sempre marcou as nosas vidas. Sempre estivo e está como un péndulo sinalando a nosa existencia, por iso vivimos presos del. Non sei se sería posible vivir sen estar pendente das horas, dos días, semanas e anos. Posiblemente non. Por iso nós pasamos polo tempo, aínda que nese paso, o tempo nos pase factura. Estamos en tempo de parrafeo de balance, tanto no individual como no colectivo, pero tamén estamos nunhas datas nas que a saudade nos invade, e fainos cavilar ás veces demais, sobre todo cando diante temos un período no hai moita incerteza. 

Feliz Nadal para todos.

Te puede interesar