Opinión

O terrorismo é o gran problema de Galicia?

Parece que o novo delegado do Goberno afirmou na toma de posesión que o terrorismo é a primeira prioridade á que vai adicarlle atención, pois parece que é o principal problema desta terra. Sabias e proféticas verbas ás deste gobernante. Polo que agora que xa temos o diagnóstico, supoño que adicará todos os esforzos a cazar moscas buscando ós milleiros de terroristas que poñen bombas, matan e asasinan case a diario no noroeste peninsular, pois a poboación, como sempre se di, así o demanda.

Ás veces os cidadáns, o escoitar estas e outras declaracións pensamos que hai cargos políticos que ou nada discorren, ou soamente din o que lle mandan na folla de ruta diaria. Pero, como a realidade do país é sumamente distinta a que debuxan os gobernantes actuais, moitos pensamos que se quere utilizar a verba terrorismo por pura estratexia política. Hai que entreter á xente con titulares. Si, chamar á atención para fuxir ou agochar os grandes asuntos que fan que nesta terra camiñemos cara un futuro incerto, pero cada vez menos esperanzador. Pois os principais problemas, como o paro, a falla de industrialización, a sangría da emigración dos nosos mozos cara outros países, o envellecemento da poboación e despoboamento sobre todo do rural e, consecuentemente, o aumento de inseguridade contra as vivendas e propiedades particulares, non son asuntos que reclamen á atención prioritaria de quen goberna. Pero claro, como non convén falar do desmantelamento e redución de postos da Garda Civil nas pequenas vilas do rural, cuestión que axuda a aumentar a inseguridade e anima a fuxida a zonas urbanas das poucas xentes que non ven neste medio un futuro interesante, poñemos o acento no terrorismo.

Ás veces dá a sensación de que é necesario entreter á xente poñendo por diante que en Galicia temos un serio problema semellante ó que houbo noutras zonas do Estado. Non serei eu quen negue que houbo accións que teñen que ser condenadas e perseguidas con rotundidade. Pero que este sexa o primeiro problema que ten esta terra é un tanto esaxerado e mesmo errático. En fin, o novo mandatario xa indicou por onde irán as liñas de actuación da Delegación do Goberno, que serán, máis ou menos, as mesmas que as do seu antecesor no cargo. Ben sei que moitas cousas que indiquei non son competencia da súa delegación, pero con todo a estratexia de deixar de lado os problemas como os indicados parece unha liña asumida polos gobernantes populares, que demostra incapacidade, impotencia ou un certo desleixo. 

Vivimos nun tempo de certa confusión, non sei se intencionada ou non, pois parece que, con ignorar os problemas e gobernar dando a sensación de que se fai, alguén pensa que os graves asuntos que temos nesta terra terán solución, cuestión sumamente difícil. E isto que afirmo ven sendo unha liña de actuación que se fai tamén noutras institucións públicas. Por moito que se oculten estes retos con estratexias de poñer os asuntos menos importantes de pantalla, nada modifica positivamente a realidade da crise actual.

En fin, que o terrorismo non é o principal problema desta terra. Pero si así o considera o novo delegado do Goberno, posto semellante o dos antigos gobernadores, pois que sexa así.

Te puede interesar