Opinión

O vento trouxo unha historia

“O vento trae cantigas e tamén trae pesares, eu mandeiche polo vento moitos beixos e cantares. Move os cabelos o vento, move as rosas na roseira, axita as augas do mare, trae cantigas doutras terras...”.

Esta foi a cantiga que abriu a obra de teatro deste ano 22 nos foros de Seixalbo. E o falar da conmemoración da sentencia que liberou ós veciños do pago de 500 moios de viño ó Sr. Bispòs e ó Cabildo da catedral no 1859, véñenme á memoria aconteceres do ano de 2006 cando en Agromadas decidimos recuperar un feito que iniciaran os nosos tatarabós cando coñeceron que gañaran un pleito que durou vinte anos contra o poder eclesiástico. E fíxemolo na praza do Cabildo con escasos medios e moita vontade. 

A que agora se chama Festa dos Foros naceu tendo dous obxectivos: O primeiro a recuperación e lembranza dun feito histórico que naquel momento tivo unha grande repercusión en Galicia; pois nese xuizo de vinte anos, eliminouse unha carga foral que, sengundo ós avogados da Igrexa viña dun privilexio de Afonso III o magno. E o segundo era dar a coñecer esta nosa pequena vila alén do concello e da provincia. 

No ano 2009 Agromadas instituiu o premio Freire Carril pra distinguir ás persoas que traballan polo común, pola cultura en xeral e a galega en particular. E desta maneira esta festa de caracter histórico foise consolidando e aumentando coa participación de todos os veciños, tanto na representación teatral como na decoración das rúas e nos xantares que se organizan en diversas zonas do casco histórico seixalbés. 

Agora, cando xa van con 16 anos desta experiencia, a mocidade de Seixalbo fíxose cargo da festa, quedando para Agromadas a reprentación teatral e o premio Freire Carril. Polo tanto, abríuse un novo tempo que incorpora xente nova. O obxectivo é que a roda siga funcionando e camiñando e que esta efeméride non se perda.

A aposta pola cultural local e participativo é un feito que aparece como alternativa diante a cultura estandar que dende algunhas institucións como o Concello se promociona sen complexos. E faise ignorando as nosas raices e as persoas que tan bo nome lle deron a esta Auria.

O vento con formato de libro co nome de “Seixalbo Anacos do pasado” no que se recolleron costumes, feitos e historias deste núcleo catalogado como de Valor Etnografico a Protexido no actual PXOM, e que ten un PERI propio, foi o punto de partida para unha festa cultural alternativa que, a día de hoxe, cumple os obxectivos enunciados ó comenzo. Visibilizar Seixalbo e unir á veciñanza. E isto pode parecer unha paradoxa; pois cando Ourense esmorece non só no eido cultural; cando nin se toman medidas pra trocar o camiño da desfeita que esta a sofrir esta cidade, en Seixalbo, a pesares da carencia de axudas institucionais, seguimos camiñando e fomentando a cultura e a unidade. 

Noraboa para toda a veciñanza que traballou arreo pra que os foros 2022 foran un exito rotundo. E que o vento siga a traer cantigas e agoche tamén os pesares. 

Te puede interesar