Opinión

A violencia na sociedade americana

As sociedades democráticas semellantes á nosa teñen no seu seo unha carga de riscos que todos os cidadáns asumimos a cambio do exercicio das nosas liberdades. Vivir en plena liberdade ten os seus vantaxes e tamén certos riscos. Mais iso non implica que teñamos que ir pola rúa armados cun fusil ou outra arma para poder defendernos, pois debemos partir da base de que as persoas non saen á rúa a agredir a xente.

Con todo, na maioría das sociedades, salvando a americana, os cidadáns non poden acceder ás armas sen ter un control mínimo do Estado. Na sociedade europea, a situación neste eido é moi distinta á americana. Ben sei que incluso no noso Estado hai grupos que pregonan ter unha arma para defendernos no fogar. Entendo que a súa idea, baseada na xenreira e no medo, a día de hoxe está fora de lugar. Os datos din que hai máis seguridade no noso Estado que en América, onde andan case todos ben armados. 

O acontecido nestes días nunha escola dos EEUU, feito que se ven repetindo cunha periodicidade excesiva nese extenso país, amosa a gravidade dunha, eu chamaríalle, enfermidade que teñen os americanos. En aras da liberdade individual xustifican non só o acceso libre ás armas senon podelas levar pola rúa para defenderse dun ataque. E seguindo esa liña hai persoeiros que propoñen que os profesores vaian armados ós centros de ensino, sabedores de que esa nunca será unha boa razón, pois se hoxe son os colexios, mañá poden ser os consultorios dos médicos e eso levaríanos a unha carreira armamentística sen tino.

As asociacións que defenden o dereito a portar armas e acceder a elas sen control, traballan para potenciar únicamente o seu negocio. A violencia nas sociedades non se arranxa indo armados todos. A educación na escola e o fomento dunha sociedade que sexa menos agresiva e que non marxine ás hoxe minorías sociais xoga un papel importantísimo. A forma de defender as liberdades en América do Norte e nalgunhas partes do mundo lévanos á lembrar que os EEUU son un país moi novo que, en grande medida, fíxose co revólver no cinto pegando tiros contra as tribus de nativos. Claro que, un país onde o poder branco aínda conserva activas asociacións racistas como o Ku Klux Klan; un país onde a Policía ten o gatillo moi fácil e onde primeiro dispara e logo pregunta, non pode ser modelo para nós. Mais con todo iso, os índices de criminalidade son máis altos que no conxunto desta vella Europa. 

Mal camiño é cando os predicadores como Donald Trump propoñen armar ós profesores dos centros ou ocorrencias semellantes. Mal camiño é tamén escoitar a grupos políticos que se alimentan do medo e do odio ó diferente como xa se escoita actualmente nesta España. 

As sociedades democráticas non poden ser sociedades onde as políticas de exclusión e as armas campen libremente sen control do Estado. Tampouco poden ser estados parapoliciais onde o gatillo fácil sempre machaque a determinadas xentes. Contra a violencia, a educación en liberdade é o respecto a lei son a base da convivencia social. E por moito que o repitan, a sociedade americana ten un problema do que non estamos exentos nós, pero que nunca se resolverá promocionando que os cidadáns anden armados e sen control de ningunha autoridade. 

Te puede interesar