Opinión

A lei do máis forte

Durante as últimas semanas houbo masivas protestas de labregos/as en Alemaña, por exemplo: cinco mil de tractores e unhas trinta mil persoas en Berlín o pasado día 15. Unha dinámica que vai a máis, e unha coalición de governo que foi perdendo apoio social. Nas intencións de voto o PSD só atinxe o 15%, os verdes 14%, mentres que o CDU chega ao 31,5% e Alternativa por Alemaña (a ultradereita) ao 21,5%, A Esquerda (Die Linke) o 3,5%... En poucas palabras, a socialdemocracia neoliberal e as forzas ques e sumaron á coalición, verdes e liberais, están nun retroceso político constante, tanto polo proceso de desindustrialización, por mor do aumento do custe da enerxía pola ruptura con Rusia, como pola intervención na guerra na Ucraína.

Neste contexto hai que valorar as protestas que cuestionan as políticas agrícolas tanto deste país como da Unión Europea. O detonante neste caso foi a supresión das subvencións ao diésel, que implican unha contía de 17 mil millóns de euros. Unha perda de ingresos que cuestiona a continuidade da maioría das explotacións do sector, xa moi tensionadas (en toda a Unión) polas políticas que favorecen as importacións en beneficio doutros sectores da economía, así como a entrada sen aranceis de alimentos da Ucraína. 

O governo de Alemaña pretende xustificar a eliminación das subvencións ao diésel pra os tractores e maquinaria agrícola polo grao de contaminación que produce o sector e o compromiso coas políticas verdes. Ao que contestan os afectados que “non existen os tractores eléctricos”. E engaden que estas restricións, pra reducir o déficit público, non se aplican por exemplo coas grandes axudas que recibe o réxime de Kiev pra manter a guerra (Alemaña leva gastado 22 mil millóns de euros e acaba de anunciar unha axuda de 8.500 millóns de dólares pra 2024). Por se non abondase, un gabinete de asesores económicos do Governo plantea un imposto especial pra contribuír cos gastos que orixina a guerra entre a Ucraína+OTAN por unha banda, e Rusia pola outra. Estas axudas alentan o conflito e potencian o militarismo, ou sexa, multiplican o gasto interno en armamento e ampliación do exército en detrimento das axudas e servizos públicos esenciais, coa escusa de que a invasión rusa vaise alargar á Unión Europea. 

A pregunta é: até que punto a clase dirixente da UE perdeu conexión coa realidade social e económica?... alguén pode pensar en verdade que Rusia, unha federación que ten 17 millóns de quilómetros cadrados, e inmensas riquezas naturais, pode ter un interese expansionista entrando nunha guerra coa OTAN que pode destruír á humanidade e polo tanto seu propio país?... Non será, que dado que Alemaña e outros estados da UE/G7 están a perder o papel de privilexio que tiñan na cadea de valor mundial, ante novas alternativas que implican unha redistribución do poder e da riqueza, e dado que as sancións sobre Rusia non deron o resultado esperado, queiran crear unha emerxencia pra frear a protesta social interna diante dos recortes de prestacións públicas e aumento da precariedade e desigualdade?... Botar lume na guerra da Ucraína, ademais de contribuír á desfeita deste país alenta outros conflitos no mundo, e hipoteca unha saída social da crise. 

É hora de confrontar coa realidade, reconstruír a confianza entre as partes enfrontadas, abrir procesos de negociación que poñan en valor a diversidade e o respecto por todas nacionalidades e sensibilidades colectivas e individuais, pola defensa do ecosistema,... mudando hábitos de vida, que ademais de reducir a contaminación polo tipo de enerxía, tamén o fagan por unha menor mobilidade, control da densidade demográfica,... garantido a calidade de vida en todo o mundo. Este é un camiño difícil porén contrario ao suicidio evidente de potenciar a lei do máis forte. 

Te puede interesar