Opinión

Cando, mesmo traballando, viven na rúa

Segundo unha enquisa da Cruz Vermella, feita sobre un milleiro de persoas atendidas nesta entidade, a maioría das persoas sen fogar, son desempregadas un 53,6%; un 15,9% inactivas, un 8,1% pensionistas e un 5% cunha incapacidade permanente. Un 51% teñen entre 45 e 64 anos, e os menores de 30 anos xa representan o 18,5%. Mais, contra o que se pensa, e debuxan acotío as series, e polo tanto os estereotipos, o consumo de alcohol neste segmento da povoación é algo inferior á media, un 34,3% fronte ao 35,1%. A maioría das persoas naceu no Estado español, un 53%, mais a taxa entre os inmigrantes é moi grande considerando súa porcentaxe sobre o total da povoacion. 

Outro aspecto a destacar é que a gran maioría das persoas que viven na rúa ou en edificios abandonados (tamén en albergues?) son homes, aínda que o número de mulleres medrou moito, atinxindo o 18%. Outro aspecto que sen dúbida chama a atención e que a maior parte destas persoas, un 66,1%, tiñan traballo cando ficaron na rúa. Un 33,4% tiña emprego a tempo completo, un 25,5% estaba na economía informal, e un 7,2% tiña un contrato a tempo parcial. En resumo en non poucos casos, por diversos motivos, por problemas persoais, laborais, ou doutro tipo, perderon ingresos ou estes non chegaron como pra que mantivesen ou alugasen un fogar. Faltou a protección e os medios pra rehabilitar por parte do Estado, e fallaron, ou non existían, os mecanismos de protección que é a familia, daquela que os/as inmigrantes en situación de rúa triplica a porcentaxe. 

O informe destaca a relación directa que hai entre a degradación das condicións laborais e carecer dun teito, xa que un 22,4% das persoas que soportan esta lousa teñen traballo, na súa gran maioría na economía mergullada e empregos temporais. E coido que deberíase neste aspecto facer unha análise máis migalleira e poñer en práctica medidas máis efectivas. Sempre pensei que o traballo ademais de necesario pra crear e facer cousas, sexan materiais ou inmateriais, nesta sociedade dignifica a aquelas persoas que o realizan, sempre que estean en condicións de facelo, xa que hai persoas que pola súa idade ou limitacións obxectivas transitorias ou permanentes deben ser atendidas pola colectividade, protexidas. 

Fago esta referencia porque coido que respecto do colectivo de persoas sen fogar, ou sexa, que están pasando por unha situación de estrema precariedade nas súas vidas, non abonda con dedicar máis medios pra atender súa situación de emerxencia. Cómpre un debate máis profundo respecto do modelo económico e social, do que implica o reparto do traballo e da riqueza producida. Non pode primar a lei da selva, privatizalo todo ou pretender adaptar todo ao negocio, esquecendo as condicións laborais, e sacrificando a unha parte cada vez maior da sociedade nas súas formas de vida pra adaptala aos caprichos dun sector, que busca a satisfacción inmediata, sen analizar o que implica isto pra maioría, e maña pra preservación, avance e paz da propia humanidade. 

Segundo o informe da Cruz Vermella “a perda da calidade do traballo está destruíndo, en parte, a premisa de que o emprego é un mecanismo de inclusión social que asegura ingresos e as relacións persoais”. É polo tanto un tema a debater, non se soluciona con parches e a esmola. As subvencións e axudas, non poden substituír o traballo colectivo, que é a suma do individual,... máxime cando terminan por normalizar beneficios inmensos, a especulación, e grupos de poder carentes da máis mínima lexitimidade e nunca elixidos. O traballo dignifica, porén debe ser distribuído solidariamente, e a riqueza producida xustamente repartida. Mesmo así pode haber persoas á marxe, mais sería a súa elección, non unha imposición “do mercado”, dunha minoría. 

Te puede interesar