Opinión

Cando a táctica afoga a estratexia

Como se a situación non estivese abondo inflamada entre “occidente” e as novas potencias en ascenso (Rusia e China...) e países que queren facer valer súa soberanía, a OTAN vai despregar 90.000 efectivos pra realizar exercicios militares na fronteira coa Federación Rusa durante os próximos catro meses. Esta acción, vai pra alén do simbólico cando se lle suma a participación indirecta da OTAN na guerra da Ucraína, a destrución de Gaza por Israel, os bombardeos no Iemen por USA e a Gran Bretaña, a ocupación de facto de partes de Siria por tropas norteamericanas... A estas accións seica “preventivas e a prol da democracia” de “occidente” hai que engadir as sancións e unha campaña nos medios pra crear unha atmosfera na que só hai bos e malos.

Nesta utilización de todos os recursos militares e económicos, e facer unha reinterpretación interesada da realidade, ademais do obxectivo de manter a hexemonía de “occidente” e aliados, dirixidos por Estados Unidos, evitando a progresiva consolidación dun mundo multipolar, tamén afecta á redistribución da riqueza entre países e entre clases sociais. No caso concreto da Unión Europea esta confrontación fíxose a costa dunha perda de peso en beneficio dos Estados Unidos dentro do bloque do imperialismo hexemónico. Xa que ao poñer en perigo a seguridade de Rusia, coa achegamento da OTAN e do seu armamento nuclear ás súas fronteiras e limitando os dereitos das persoas de orixe ruso na Ucraína, estoupou coas sancións económicas de “occidente” o privilexio do subministro de enerxía e minerais a baixo prezo pra UE. 

A axuda militar e económica por parte dos países da OTAN a Ucraína na guerra con Rusia, así como as sancións de todo tipo, co obxectivo de dobregar a Moscova, tanto no eido militar como económico, non deron os resultados esperados por “occidente”, hoxe Kiev está á defensiva e o PIB ruso subiu o pasado ano nun 3%, mentres que Alemaña caia o -0,3% no mesmo período. En resumo, todo indica que fundamentalmente a Unión Europea de se manter o conflito na Ucraína (ao que se suman a masacre en Gaza, as tensións cos países subsaharianos, etc. e a dependencia de Estados Unidos) perderá incidencia no comercio e no PIB mundial, e polo tanto poder e peso na escala de valor, como consecuencia dunha enerxía e materias primas máis caras, e o traslado de procesos de transformación aos Estados Unidos e outras potencias. 

Un recuar estratéxico da UE causado por medidas trabucadas que se queren agochar coa escusa de que é unha situación necesaria e conxuntural provocada pola invasión da Ucraína, e que Rusia representa un perigo polas súas prácticas expansivas. Polo que é urxente aumentar ás axudas á Zelenski e reforzar a seguridade e defensa interna, e tomar medidas contra as noticias que non se cingan á verdade de Bruxelas sobre os sucesos. Este xiro implica un retroceso económico pra UE, especialmente súa periferia, así como a caída dos salarios e en servizos e prestacións públicas. 

Polo tanto, nesta conxuntura dunha profunda recomposición do poder e da economía no ámbito internacional, van ser normais as aparentes contradicións no discurso, e mentres o principal xornal alemá dá por segura unha invasión rusa dun país da OTAN, ao día seguinte Stoltenberg nega que exista esta ameaza. Trátase de crear un clima de emerxencia, pra poder tomas medidas excepcionais, económicas e de seguridade (tamén sobre a opinión?) asegurando a mínima oposición. Botar máis leña no lume co único límite de non provocar unha guerra nuclear. Canta falta de proxecto (ou é o de Davos?). A UE constrúese sobre a conxuntura, a táctica afoga a estratexia. O importante seica é ver a Bolsa acotío e pintar de verde o futuro. E a folla de ruta?...

Te puede interesar