Opinión

Chegou a ofensiva rusa?

A caída de Marinka, os avances e na práctica o cerco de Avdivka, e o progreso noutras zonas da fronte, como Artemov, e Kupiansk, dan folgos ás forzas rusas. Malia que non se trataría dunha ofensiva total, xa que esta non é a mellor etapa pra facelo, por mor de que gran parte do terreo é un lameiro, que impide o desprazamento das tropas e dos medios mecanizados. Aínda así, os avances axudan, xa que a Federación Rusa seica ten unha folla de ruta pra gañar a guerra, segundo algunhas fontes este obxectivo está previsto pra o ano 2025. 

Outra cuestión é que, aproveitando as disensións internas na Ucraína, por mor do fracaso da súa ofensiva pra recuperar os territorios ocupados/liberados por Rusia, esta última utiliza a conxuntura pra gañar terreo e seguir triturando ao exército ucraíno. Ou sexa, mellorando o máximo posíbel o balanzo do conflito no militar, tanto pra facer unha gran ofensiva en primavera-vran do vindeiro ano como pra sentarse cunha postura de máis forza se houbese negociacións de paz nos vindeiros meses. Aínda que esta última é unha saída que no esencial está nas mans do Estados Unidos, polo que depende da súa dinámica económica e electoral interna, do que diga o Congreso, e de como evolucione e termine a masacre en Gaza, especialmente no imaxinario colectivo da povoación do mundo, e sobre todo de “occidente”. Neste intre cada día que pasa, malia o control dos grandes medios por Estados Unidos e aliados, é difícil de agochar e xustificar a desfeita dunha cidade e a masacre masiva de civís, o que non alenta a optar polas solucións militares, aínda que nos medios e discursos das potencias dominantes se procure lexitimar a Israel. 

O certo é que no ámbito militar ren fai pensar que non vindeiros meses vaise modificar a correlación de forzas sobre o terreo a prol de Kiev, mesmo enviando cazas e mísiles de longo alcance. Ante todo, a axuda da OTAN en materia de armamento e municións é cada vez máis complexa, e en moitos casos xa están en mínimos de stock e as empresas no máximo de produción. Ademais a ampliación de tropas leva moito tempo, ao que hai que sumar que a incorporación de novos militares é cada vez máis difícil na Ucraína, tanto polas baixas (seica superan o millón) como pola emigración, os límites demográficos e manter unha actividade produtiva acorde coa conxuntura. Tampouco se pode obviar que o PIB de Rusia medrará este ano sobre un 3%, que o ano pasado a caída foi mínima, mentres que a Ucraína perdeu sobre un 30% do PIB en 2022, e só a axuda exterior permítelle prestar uns servizos públicos de mínimos, e facer o esforzo militar de manter a fronte de batalla. 

Daquela o aumento das contradicións internas na Ucraína, que cada vez haxa máis países da OTAN que cuestionan a guerra e medre a demora na entrega de material bélico, e que adquiran maior peso as accións con obxectivos simbólicos (como en Crimea, cidades e bases na Federación Rusa, intentos de crear unha cabeceira de ponte do lado ruso do Dniepr, manter o control de Avdivka,...). Accións nas que os medios de intelixencia norteamericanos cumpren un papel esencial pra fixar os obxectivos dos ataques con drons e mísiles, e frear a conquista de novas zonas por Moscova. Mais, o avance de Rusia no eido das tecnoloxías dixitais axúdalle moito derrotar as aspiracións da OTAN. 

En resumo, o país gañador está decidido, canto máis se manteña a guerra no tempo, maiores serán os custes en infraestruturas e recursos humanos pra Ucraína. E por suposto pra Unión Europea que ve como se debilita a súa economía, perde capacidade competitiva fronte a outras áreas, co que isto implica nos ingresos públicos, máxime cando ao mesmo tempo aumenta o gasto militar en detrimento das prestacións e servizos esenciais. Hai que rematar coas sancións e negociar a paz! 

Te puede interesar