Opinión

A desglobalización colle pulo

Non son poucos os analistas que dan por rematadas as máis de dúas décadas de intenso proceso globalizador sustentado fundamentalmente nas empresas dos Estados Unidos e a Unión Europea (en menor medida Xapón), que saian como grandes triunfadores da caída da Unión Soviética. Un proceso que se completaba con China no papel de industria transformadora e Rusia como produtora de enerxía barata. O aumento constante do comercio internacional confirmaba esta tendencia, que se se ampliou ao control das novas tecnoloxías, o dólar como moeda de cambio e reserva internacional, e centos de bases militares de USA en todo o mundo, que lle daban a esta potencia imperialista un papel cada vez máis hexemónico, e á UE un rol asociado e subimperialista. 

Agora ben, este modelo tiña límites no ecolóxico, nas existencias de materias primas, e nun proceso de centralización e concentración do capital que aumentou acotío as desigualdades territoriais e entre clases. A contestación xurdiu con forza na periferia, cun crecemento do descontente social e a inestabilidade política. Ao que se sumou no centro do sistema, a caída da natalidade e a inmigración masiva pra cubrir este déficit ao refugar os governos unha resposta estrutural, con: aumento dos ingresos salariais máis baixos, redución da xornada laboral, medidas axeitadas de protección da natalidade e a dependencia... Ter un emprego fixo converteuse nunha utopía, especialmente pra mocidade, así como a tempo completo, impedindo mercar un piso e sobre todo en manter a taxa de natalidade. Máxime cando as relacións persoais volvéronse máis limitadas e complexas, pola tecnoloxía e a mobilidade, e moitos empregos que absorben a vida das persoas. Neste aspecto hai un fracaso do “mundo occidental”.

Agora ben, este modelo de economía, de sociedade, está hoxe en crise especialmente no que respecta Estados Unidos e as nacións aliadas (o chamado “occidente”), e perdendo poder diante das potencias emerxentes, daquela a confrontación tanto no ámbito comercial, como do relato, e tamén aínda que con distinta intensidade no eido militar. Trátase de evitar por parte de “occidente” (G7+OTAN) que se impoña o multilateralismo, aínda que a tendencia actual económica e demográfica apuntala esta opción como a gañadora. Iso non implica que Estados Unidos e outras potencias aliadas non sigan tendo un papel relevante no futuro, mais non poderán facer o que queiran, como e cando o queiran. 

O que está sucedendo na guerra da Ucraína, na masacre ao povo palestino en Gaza, nos golpe de estado na África Subsahariana, etc. deixan en evidencia o illamento de “occidente” fronte a unha nova correlación de forzas. A globalización neoliberal e o medre do PIB tal como se desenvolveu nas últimas décadas está recuando, e esta tendencia adversa non se pode resolver exclusivamente no eido militar, coa enerxía alternativa, ou o avance da robotización, porque obedece a problemas estruturais e límites da propia humanidade que son evidentes. Por exemplo, uns recursos limitados, a obrigación de garantir enerxía e bens básicos, a necesidade de producir no lugar ou en áreas achegadas os subminístros básicos, a protección do medio ambiente respecto da mobilidade. O propio equilibrio demográfico non só no mundo, senón tamén en cada rexión e nación. A humanidade ten un límite nestes aspectos. Daquela, é lóxico que nunha primeira etapa se busque a diversificación das importacións así como a produción máis localizada por cuestións de seguridade (conflitos, problemas climáticos, gasto enerxía); e que esta tendencia desglobalizadora medre no futuro, especialmente no ámbito económico e no turismo,... e pola contra, se lle dea pulo ás relacións políticas, culturais e solidarias, de toda a humanidade.

Te puede interesar