Opinión

A dobre vara de medir ao descuberto

Os países occidentais non queren aceptar que a correlación de forzas variou sensibelmente no mundo nas últimas décadas, malia as inmensas expectativas que se depositaron na globalización neoliberal polas corporacións do Estados Unidos e tamén, aínda que nun lugar secundario, pola Unión Europea e outros aliados. Era a permanencia secular do sistema imperialista. Non foi así porque a historia da humanidade vive nunha constante transformación, e porque o sistema está ateigado de contradicións: graves problemas ecolóxicos, dependencia da periferia respecto de materias primas esenciais e de procesos industriais, mobilidade estrema, medre demográfico nas potencias emerxentes fronte a unha crise de natalidade no centro,... Ou sexa, un cambio na correlación de forzas. Existe polo tanto un fortalecemento do mundo multipolar, e cunhas cadeas de valor moito menos mundializadas e moi diversas. 

A este contexto económico, e os choque de intereses, responden moitos das actuais conflitos tanto no ámbito militar, como a sancións económicas e a guerra mediatica pra impoñer o relato. Un exemplo son as escusas que dá Israel pra bombardear povoación civil ao chou na Franxa de Gaza. Neste caso mesmo condenando os métodos terroristas na intervención de Hamás no territorio limítrofe de Israel, non se poden esquecer 70 anos de agresións de despoxos territoriais aos palestinos. Ademais, a resposta do Estado de Israel debe ser respectuosa dos dereitos humanos, e sobre todo buscando solucións de futuro que alenten a solución pacifica do conflito. O exército israelí non pode matar a milleiros de persoas civís, moitos deles nenos/as, e ademais deixar a zona inhabitábel, con todo o que iso implica. Será este o obxectivo final? Todo fai pensar que é así, e que os países da OTAN teñen unha información precisa da folla de ruta e que a comparten ou consenten. 

Segundo a ONU, nos 150 centros que ten esta institución pra acoller aos refuxiados/as hai neste momento 600.000 persoas, e están desbordados. Ademais 40 destas instalacións sufriron danos por causa dos bombardeos israelís. Din que moitos/as palestinos teñen que durmir na rúa. Por certo esta situación represiva, aínda que en menor medida tamén se dá en Cisxordania, con áreas illadas, onde máis dun cento de palestinos/as morreron por disparos dos colonos israelís, e moito máis foron detidos baixo a sospeita de ser membro ou simpatizante da resistencia. 

O xeito de proceder do Governo de Netanyahu só pode ter dúas finalidades, ou ben vai facer, ao final dun longo e mortífero bombardeo, unha breve ocupación, procurando desfacer a Hamás e impoñer un Governo titere, ou ben, busca dividir o territorio, ocupando a parte norte nun escenario que obrigue aos palestinos que alí viven desprazarse ao sur, mesmo por simple supervivencia. A primeira das opcións semella que é a que máis lles interesa, daquela que se prolonguen tanto no tempo os bombardeos, destruíndo vivendas, mais tamén todo aquilo que constitúe puntos de sociabilidade (escolas, igrexas, lugares de reunión e actividades colectivas... cal son realmente os ataques neste aspecto tan especifico e importante?).

A medida que pasa o tempo, mesmo que o Governo israelí consiga destruír a Hamás e outros grupos da resistencia palestina, Israel perderá seu “prestixio democrático”, construído a través dos medios por “occidente”, abonda con ver como practicamente todo o sur global mantén unha postura oposta ás accións militares que está a realizar. As manifestacións reúnen milleiros, centos de milleiros de persoas en multitude de cidades do mundo, mesmo nos países que forman parte da OTAN e aliados. Esta é unha derrota tamén pra “occidente”, non a militar, senón a do relato, a do rexeitamento da dobre vara de medir... Non todo vale por ter poder.

Te puede interesar