Opinión

As eleccións e o fortalecemento do BNG

As enquisas sobre os resultados das eleccións galegas espertaron moita incerteza, aínda que consideraban a derrota do PP como un obxectivo difícil, ao que se engadía un ascenso do BNG. Sobre esta expectativa as forzas da oposición, como é lóxico, construirón a folla de ruta e seu discurso na campaña, mesmo aquelas con menos posibilidades. Esta hipótese causou preocupación no PP, máxime tendo en conta as mobilizacións pola desfeita dos pélets e contra as carencias do sistema sanitario, e os múltiples conflitos laborais. Daquela que a dereita mobilizou á toda a súa base militante. O argumento: evitar unha presidenta do BNG, en coalición co PSOE, e con maioría nacionalista na Xunta. A mensaxe alarmista, pra evitar que se fundise o barco, mobilizou á base social da dereita, así como ao poder económico e a aqueles que dan sustento ao sistema. Daquela que medrando o número de votantes só perdese o PP dous deputados/as, mantendo a maioría no Parlamento Galego. 

A dereita sae fortalecida, sen dúbida, mais a escenario político e o social xa non é o mesmo. Non o é no ámbito mundial cunha forte confrontación entre as vello imperialismo hexemónico, o chamado “occidente”, e as cada vez máis poderosas potencias emerxentes. Polo tanto non serán poucos os cambios que afectaran á Unión Europea, tanto a nivel produtivo como no relativo ao papel que xoga na cadea de valor. O alarmismo sobre unha hipotética invasión rusa, pouco críbel, semella que busca rebaixar a oposición social a reformas no ámbito económico, social e dos dereitos democráticos, dando folgos ao armamentismo e freando a protesta social que estes axustes a costa da clase traballadora e autónomos/as vai xerar. 

Rueda vai ter que xestionar esta nova situación na Galiza, onde se suman aos graves problemas acumulados nas ultimas décadas, dos que a caída demográfica, emigración da mocidade, fuga de capitais, e control polo capital foráneo dunha gran parte da actividade económica, debilitan a resposta a esta crise industrial e reforma da base produtiva. Onde están as análises e as respostas do PP diante deste retos. Por certo, nun mundo no que a globalización esta a recuar acotío? 

Neste contexto o avance do BNG, mesmo que non governe na Xunta, que houbese significado un salto cualitativo na defensa dos intereses da Galiza, fortalece á fronte como forza de oposición. Resulta evidente que o BNG recolleu moito voto na abstención e das mareas, tamén a costa do PSOE. Polo tanto este ascenso, que se dá máis intensamente en bisbarras industriais como a de Vigo, e isto fortalece a cuestión nacional galega, alenta a mobilización reivindicativa da clase traballadora e os sectores populares (coincidindo coa forte implantación da CIG, primeira forza sindical na Galiza). Ademais, son moitas as posibilidades de que esta tendencia ascendente do BNG tamén se dea nas eleccións europeas, municipais e xerais. Con seguridade a fronte nacionalista de esquerdas vai traballar neste sentido, ampliando a militancia organizada e potenciando a autoorganización do povo a todos os niveis: social, sindical, cultural, ecolóxico...

Polo tanto, o éxito do PP nas eleccións é evidente, máis tamén que perde dous deputados, e que a lexislatura non vai ser doada polo medre das contradicións no seo do sistema, xa que está na súa etapa senil, e polo aumento da mobilización social e laboral. Mais o voto ao BNG tamén sinala que importa a defensa da nosa historia, cultura e lingua, que é unha parte fundamental da nosa identidade, e a cuestión da soberanía. O PP gañou as eleccións porén cada vez máis xente pon a xustiza social, a ecolóxica, a igualdade, e a cuestión nacional como parte indivisíbel do programa reivindicativo. E, respecto do futuro, o BNG foi a opción máis votada nos menores de 40 anos. 

Te puede interesar