Opinión

Grecia, a hora da verdade

Orepregue do Governo de Atenas nas súas posturas iniciais en relación a unha renegociación dos préstamos, coa finalidade de obter mellores condicións e a cancelación dunha parte da débeda, non é unha boa noticia pras clases populares na Unión. Amosa a falta de sensibilidade da Troika (Comisión Europea, BCE e FMI) diante dos padecementos dos máis desfavorecidos, e que lle preocupan máis os lucros inmediatos que a recuperación da economía grega. Por outra banda, reflicte que os novos proxectos socialdemócratas, aqueles que pretenden mellorar as condicións das clases populares sen cuestionar o sistema, neste caso o marco da UE e da globalización neoliberal,  ofertan unha folla de rota que non leva a ningures.


Pra conseguir outros resultados era necesaria unha correlación de forzas distinta en Europa e unha povoación moi mobilizada en Grecia. Non se dan ningunha das dúas condicións. Nunca dende hai décadas, a esquerda estivo tan frouxa e desnortada, o movemento obreiro tan desmobilizado, e a hexemonía ideolóxica do capital foi tan grande en Europa coma hoxe. Porén, por se non chegase, Tsipras, pra gañar os votantes socialdemócratas, descontentes de tanta traizón, e atraer aqueles aos que podía ilusionar o Partido Comunista cunha proposta antisistémica e mobilizadora, optou por cadrar o círculo ofrecendo unha vía máis doada pra acadar obxectivos moi sentidos polo povo.
Syriza propuxo un estado protector para aqueles máis golpeados pola crise, posíbel a través do voto, da negociación, dos argumentos, sen necesidade de rupturas coa UE e co capitalismo, de sacrificios sociais. A oferta, non podía ser máis ilusionante e tentadora, comparada coa dos que trocan acotío   as necesidades do povo por prebendas das corporacións, ou aqueles que ofrecen con honestidade un camiño de cambios sistémicos, porén a través dunha longa e sacrificada loita. O heroísmo está ben nas películas, mais na vida real a maioría apuntase a cambios menos traumáticos. E así pasou en Grecia, e Syriza subiu como a escuma.


O certo é que a UE non está pra facer concesións a Tsipras, máxime cando as clases dominantes queren seguir coa política de recortes laborais, sociais e democráticos. A resposta ao Governo grego foi contundente, non só da Alemaña, senón tamén do Estado español e Portugal que, en caso dunha cesión a Atenas, quedarían en evidencia despois dos duros axustes que están a impor aos seus estados.
Non hai dúbida de que Syriza tomou a iniciativa e que as medidas que anunciou eran moi positivas e necesarias. Era un bo comezo, sempre que fose seguido por outras iniciativas que permitisen un cambio cuantitativo e cualitativo no reparto do axuste, e significasen unha ruptura cun modelo ao servizo das elites. Non foi así. Aos poucos días encetaron as rebaixas, e onde se falaba de aumentar o salario mínimo matizouse axiña que se faría en prazos, e a decimoterceira paga das pensións xa non era pra todos senón pra os que cobraban menos de 700 euros. E a marcha atrás estendeuse a outras das medidas anunciadas ao calor da vitoria electoral. Nas negociacións con Bruxelas, seguiuse a mesma dinámica, e o discurso baril inicial foi seguido de concesións. A última, e de gran transcendencia, a prolongación dos pactos coa Troika. Dise que pra gañar tempo. Acaso non tiña Syriza valorado que este ía ser o escenario máis probábel?


A única vía alternativa sempre foi a saída negociada do euro e da UE. Un camiño que terá os seus custes, mais que permitiría recuperar a medio prazo a economía do país e, fundamentalmente, unha distribución máis xusta da renda. Claro que pra iso, hai que lle falar con claridade ao povo, mobilizar, e estar dispostos a asumir a confrontación de ser preciso. E Syriza non se construíu con esta folla de ruta, polo que non é doado que mude.

Te puede interesar