Opinión

Israel-Palestina, reaxer con perspectivas de futuro

Os feitos amosan atrevemento e capacidade, mais os métodos son arrepiantes. Falo do modo no que os milicianos de Hamás asaltaron o territorio limítrofe de Israel coa Franxa de Gaza, ocupando a zona, collendo reféns co obxecto de trocalos por palestinos presos nas cadeas israelís, e disparando indiscriminadamente sobre a xuventude reunida nun festival, deixando moreas de mortos e feridos. Son métodos terroristas que non se poden xustificar, mesmo tendo presente a actitude represiva dos governos israelitas e que Gaza sexa un inmenso campo de concentración, onde impera a precariedade, a pobreza e o terror. Temos unha situación semellante na Cisxordania. Cunha axuda internacional que evita a fame, máis non aporta solucións de futuro. 

Non se pode ignorar o contexto, os antecedentes a situación internacional. Como esquecer que a migración israelita, xa que no país era unha minoría, foi impoñendo seu dominio en Palestina. A povoación orixinaria foi reprimida e oprimida coa axuda das potencias occidentais, ate perder todo papel político e ser desprazada da maior parte do territorio. Non valeu de moito que houbese sucesivas resolucións da ONU a prol da creación de dous estados, Palestina e Israel, unha decisión que nunca foi aceptada polos xudeus. No ano 1980 Israel, tiña 4 millóns de habitantes, declarou a Xerusalén como a súa capital indivisíbel, colocando en vía morta a resolución da ONU. No ano 2022 eran 9 millóns de habitantes, un 75% de relixión xudea, un 20 musulmáns, 2% cristiáns,.... 

Por se non abondase coa ocupación foise impoñendo a represión como resposta ás reclamación dos musulmáns. Na actualidade hai milleiros de palestinos, mesmo nenos, nas cadeas; e acotío morren “habitantes orixinarios” pola acción policial ou do exército. En resumo: un contexto no que se impón a lei da selva, a violencia, o terror, que deu azos a un islamismo radical, que se ofrece como a única saída en Gaza. 

De vagar irase aclarando todo o sucedido neste ataque de Hamás. Por exemplo, que un dos mellores servizos de espionaxe, nun país tan militarizado, e con tecnoloxías tan avanzadas e nunha situación tan tensa, non soubese que o grupo radical islámico ía realizar esta acción, dá que pensar. Mesmo hai analistas que coidan que unha incursión tan desesperada e violenta por parte de Hamás favorece á dereita guerrerista de Netanyahu, que estaba a confrontar no interno grandes mobilizacións contra as súas reformas en materia xudicial. Dise con razón que esta houbese sido unha actitude imperdoábel... Se cadra non esperaba que o ataque tivese esta dimensión?...

En calquera caso, a esta altura e en moi pouco tempo o exército israelí ten arrodeada Gaza, que bombardea de xeito implacábel e bloquea subministros esenciais, e o povo israelí fai piña, en beneficio de que Natanyahu se manteña no poder. Agora ben, a resposta militar de Israel non é tan doada, xa que tomar Gaza é algo complexo (mesmo que a divida en dous e desprace parte da povoación coa axuda da ONU, como seica quere facer). Unha acción deste tipo daría pulo a unha situación de guerra en toda a rexión. Se esta fose a folla de ruta, de pouco valería o apoio dos Estados Unidos e aliados, xa que engadiría máis argumentos a aquelas potencias e países que están fartos das imposicións de Washington, e apostan por un mundo multipolar. 

A única saída á situación en Oriente Próximo, tanto pra Israel como pra Palestina, non é a destrución de Gaza ou parte dela ou unha guerra rexional, porque calquera sexa o resultado hoxe o tempo xoga a prol dun papel determinante de potencias musulmáns como Turquía, Exipto, Iran, Arabia Saudí... A única solución con perspectivas de futuro pra todas as partes, e pra o povo, tamén Israel e USA, é asegurar unha solución pacifica. 

Te puede interesar