Opinión

Israel, perder a guerra no humanitario

Non son dos que pense, como algúns medios e analistas especulan, que Hamas e outras milicias rexionais terminaran por derrotar a Israel e aliados, ou cando menos alongar durante moitos meses a guerra converténdoa nunha pesádela a ofensiva na Franxa de Gaza. Tomar unha cidade non é doado, máxime cando falamos de máis de dous millóns de persoas, e que os grupos milicianos cos que confronta seica superan os 25 mil. Mesmo así arrodear por mar e terra o territorio é sinxelo, agás unha estreita franxa. Límita con Exipto que, lembremos, ten pechado o libre paso.

Ten a súa lóxica o reaxer de Exipto, Xordania e outros países musulmáns da rexión xa que convertería en desprazados voluntarios aos palestinos, pode que definitivamente, solucionando o problema militar e humanitario co que confronta Israel diante da opinión pública internacional, facilitando a ocupación permanente do territorio (lembremos que a súa costa é rica en xacementos de gas, tamén se fala da construción dunha nova canle como a de Suez que pasaría pola Franxa de Gaza). O pasado martes o número de persoas palestinas mortas despois dun mes de bombardeos superaba as 11.500 e o dobre de feridas. A Cisxordania non esta á marxe desta dinámica, xa que hai máis de cen persoas mortas a mans do exército e de “colonos israelís”.

A da imaxe internacional do país é a batalla que leva un mes perdendo Netanyahu. Ou sexa: masacre de civís, incluída unha alta porcentaxe de menores, a destrución de vivendas, hospitais, escolas, mesquitas, igrexas, centros sociais de todo tipo, aínda que cinicamente negue os efectos desbastadores, e o terrorismo e xenocidio. Un custe que ten repercusións nas relacións internacionais, especialmente pra un país das dimensións de Israel e cunha historia construída en boa medida sobre persecucións históricas, especialmente en Europa, mais que nunca xustifican a súa reprodución, especialmente cando se multiplica con outros povos cos que se mantén disputas, e menos aínda se as reivindicacións están apoiadas pola ONU, como é en Palestina.

A masacre é tan evidente e grave que segundo a relatora especial das Nacións Unidas, Francesca Albanese, hai que “acabar coa dominación xudeu-israeli xa que sería un acto de re-humanización tamén pra eles (...) non se pode esperar que os palestinos vivan subxugados durante anos (...) Israel ocupou o territorio palestino que domina sen ningunha xustificación ni base legal. A ocupación é ilegal, é ilícita, xa que funciona en contra e á marxe de todo o que permite o dereito internacional, porque ten sido un medio pra colonizar a terra e non responde a ningunha necesidade militar”. Máis franca imposíbel. Este pronunciamento está na liña da postura mantida polo Secretario Xeral da ONU, António Guterres, que asegurou que mentres o exército de Israel continua bombardeando e batendo nos civís, hospitais, campos de refuxiados, mesquitas, igrexas, e edificios da ONU, pola súa parte Hamás usa aos civís como escudos humanos e continua lanzando foguetes indiscriminados contra Israel. O camiño a seguir está claro: un alto ao fogo humanitario”.

Non se pode alegar que as Nacións Unidas apoie ou consinta as accións de Hamás. Mais, nas 154 instalacións da ONU (UNRWA) situadas na Franxa de Gaza están refuxiados 813 mil palestinos/as, e as accións do exército israelí causaron 154 mortos entre os/as traballadores humanitarios, mais baixas que en ningún outro conflito anterior con presenza deste organismo internacional. Os últimos ataques foron a dúas escolas da institución onde houbo numerosos feridos. A isto cómpre engadir o bloqueo á entrada de alimentos, enerxía, auga e outros bens, que converten a Gaza nunha gran cárcere. Razoábel que “occidente” perda a guerra nos argumentos.

Te puede interesar