Opinión

Lembrando a Curros

Manuel Curros Enríquez, naceu en Celanova no ano 1851 e morreu na Habana en 1908 é unha figura relevante da Galiza de finais do século XIX e principios do XX. O enterro de Curros fíxose na Coruña, con moita polémica por medio. No concello xurdiu o debate sobre se o enterro debía ser católico ou laico. Acordouse que o fillo do poeta decidise, foi na súa procura Nan de Allariz, partidario do enterro laico. Abelardo, o fillo, decidiuse polo enterro católico, seica influído por Alfredo Vicenti. Á velada fúnebre, celebrada no Teatro Principal non asistiu a representación obreira, que convocou un gran mitin de protesta, no que interveu Manuel Casas. As opinións estaban tan confrontadas que se temeu unha folga xeral. Ao cortello fúnebre asistiron unhas 40.000 persoas, segundo os xornais.

Curros apoiou a Revolución de 1868 que derrocou a Isabel II. Pasou longos períodos en Madrid, onde estudou e traballou como xornalista (La Gaceta de Madrid 1873, El Imparcial 1874, El Porvenir 1883, El País). Mais sempre mantivo un forte vencello co que acontecía na Galiza, tomando partido contra a opresión do povo polas clases dominantes. Un destes enfrontamentos foi por mor da súa obra “Aires da miña terra”, publicado no ano 1880, que o bispo de Ourense denunciou por seica conter “proposicións heréticas, blasfemas, escandalosas...” (Manuel Curros Enríquez súa vida e súa obra, de Luís Carré Alvarellos). Curros foi condenado a dous anos e catro meses de prisión; non ingresa porque Serafín Temes deposita unha fianza de 1.500 pesetas. 

No plano ideolóxico, ademais do seu anticlericalismo salienta como defensor da causa republicana, cada vez cun acento máis galeguista, que se reforza coa emigración en Cuba. Esta evolución non é casual nen está afastada do contexto. Lembremos que en 1887 celebrouse en Lugo unha xuntanza na que se elaborou o Proxecto de Constitución para o futuro Estado Galaico, e en 1889 Brañas publica en Barcelona o seu libro “El Regionalismo”, e en 1890 fúndase en Compostela o boletín “Patria Gallega”. Ou sexa, Curros participa deste ideario “regionalista” da época, que é un paso previo ao nacemento en 1916 das Irmandades da Fala, e do Manifesto Nacionalista en 1918, que consolidan os alicerces do nacionalismo galego dos que nacera o Partido Galeguista. 

Curros tivo unha especial preocupación polo idioma galego, tanto do seu uso correcto como do seu futuro. Vilanova Rodríguez (no seu libro Vida y obra de Manuel Curros Enríquez) afirma: “Curros sentiu fonda preocupación polo destino histórico do noso idioma... sabia que o povo que deixa morrer a súa lingua non ten xa razón para sobrevivir como ente histórico sobre a terra”. Manuel Curros Enríquez foi un poeta e xornalista premiado en vida, recoñecido socialmente, que soubo entender e interpretar as inquedanzas populares, foi perseguido polas forzas conservadoras e non puido evitar atrancos económicos e problemas familiares que isto lle causou. 

Emigrou a Cuba 1894 por motivos económicos e políticos. Na illa, na que tivo un importante papel na colectividade, dirixiu o periódico “Tierra Gallega” e foi defensor dunha ampla autonomía da illa, o que lle trouxo moitos problemas coas autoridades españolas e unha parte da colectividade galega... Nunha conxuntura na que os campos tinguíanse de sangue dende facía décadas e o povo reclamaba a independencia. 

Na emigración na Arxentina, á miña irmá e máis a min de cativos, a nosa nai e noso pai, dos concellos de Allariz e da Bola respectivamente, falábanos de Rosalía de Castro, Curros e Lamas Carbajal (do que meu pai tiña un exemplar do “Catecismo do Labrego”). Eran tempos nos que, malia a represión franquista, había na aldea xentes que valoraban a aqueles/as que defendían a nosa lingua, á Nosa Terra. 

Te puede interesar