México: as eleccións do cambio?

México: as eleccións do cambio?

México, pra moitos galegos e galegas, é unha nación á que emigraron paisanos dos concellos de Avión e da contorna, e hoxe desfeita polo narcotráfico e a desigualdade. Algunhas persoas vencéllano con Zapata, Villa e a Revolución Mexicana de 1910, e coa revolta zapatista de 1994. Mais neste artigo quero facer algúns apuntes a cuestións do momento. Concretamente, ás eleccións a presidente/a, senadores/as e deputados/as federais, que se van realizar o vindeiro 1 de xullo, xa que teñen unha importancia que transcende as fronteiras de México. Non só porque este país é a segunda economía de Latinoamérica, por detrás de Brasil, senón porque un triunfo de Andrés Manuel López Obrador (AMLO), que vai primeiro en todas as enquisas (44,4% da intención de voto), cuestionaría a subordinación actual aos ditados dos Estados Unidos. 

O triunfo de López Obrador sería un revés prás políticas de Trump e a súa reconquista de América Latina en curso. Así o reflicten as declaracións do secretario de Estado Rex Tillerson, e as proclamas do Washington Post, alertando dunha intervención rusa no proceso, como escusa pra alentar e xustificar todo tipo de manobras contra AMLO. Como se fose Rusia, e non Washington,  quen controla a rede, os medios de comunicación e a cultura de masas no mundo!!

Cómpre lembrar que López Obrador foi presidente do PRD (Partido da Revolución Democrática) entre o ano 1996 e 1999, foi ademais xefe do governo do Distrito Federal (cidade de México) entre o ano 2001 e 2005, período no que acadou ate un 85% de aceptación pola súa xestión. Nestas eleccións preséntase por Morena (o seu partido), o Partido do Traballo e Encontro Social, baixo o lema “Juntos haremos historia”. Mais aínda é cedo pra dar por seguro este triunfo. Máxime tendo en consideración que no ano 2006 e 2012 as enquisas dábano como gañador, mais os resultados nas urnas fóronlle adversos. Uns escrutinios cuestionados por unha boa parte do electorado. A resposta foron as mobilizacións e un amplo movemento de resistencia que se prolongou no tempo contra o que entendían unha fraude, un roubo da presidencia, por parte dos poderes sistémicos. 

Visitei México en varias oportunidades pra participar no Seminario Internacional “Os partidos e a Nova Sociedade” organizado polo Partido do Traballo. AMLO asistiu en varias ocasións a este encontro. Nun artigo publicado no ano 2012 fixera unha referencia especifica a López Obrador; dicía daquela sobre a súa personalidade: “é un home cun falar tranquilo, que argumenta, e dálle moita importancia ao traballo político de base. En tres ocasións participei de grandes manifestacións, na praza do Zócalo de México, nas que falou diante de centos de miles de persoas, das que a inmensa maioría pertencían ás clases populares. Vin como en resposta ás súas palabras moitos berraban, aplaudían e participaban do discurso emotivamente”. 

Diante de enquisas tan favorábeis a López Obrador, a resposta das clases dominantes foi agrupar a catro das candidaturas (PRI, PAN, PRD, MC), que representaban no seu día opcións moi distintas, mais que hoxe teñen  diferencias menores. Algo semellante sucede noutros países do mundo. O  marco institucional reduciuse á confrontacións de persoas e modos de xestión. Con esta finalidade xurdiu TUCAMLO (Todos Unidos Contra AMLO). Encol do momento político, Octavio Rodríguez Araujo, doutor en ciencias políticas da UNAM e escritor e analista prestixioso, afirma que a campaña está polarizada entre os que queren máis do mesmo e os que, como López Obrador, procuran cambios máis profundos: “neste punto ten razón o candidato do PAN, agora a disputa é entre el e o líder de Morena. Os demais poderían saírse do xogo e ninguén os estrañaría”. Un cambio é complexo, mais non imposíbel.