Opinión

Milei, neoliberalismo radical

As primeiras medidas de Javier Milei xa estaban anunciadas como unha ruptura total, coa escusa de que isto permitía comezar de novo e facelo ben, deixando no pasado eivas e atrancos inmensos que seica o “progresismo” impuxo á economía nacional (xa que a dereita non as solucionou só porque lle faltou valentía). A estas eivas sumaban a permisividade coa violencia (por exemplo a inseguridade pola ocupación de vivendas e innumerábeis roubos á clase traballadora e pequenos comercios...). Polo tanto afirmábase que había que poñer orde nos de abaixo e sobre todo na casta política; deixando a un lado no relato a enorme concentración da riqueza en cada vez menos mans, a especulación financeira, os cepos impostos polo FMI e as súas regras neoliberais, privatizadoras...

A devaluación do peso fronte ao dólar ten un impacto esencialmente nos prezos en alimentos e enerxía e transporte, que ademais deixaron de estar controlados, e todo fai pensar que serán seguidas por outras medidas da mesma o maior intensidade. Se ademais lle sumamos a conxelación de toda a obra pública, co que isto implica en materia de investimento e emprego, resulta evidente que o mazazo é fortisimo contra a clase traballadora (algúns analistas poñen o acento na chamada clase media). Valoran que a pobreza podería atinxir ate un 60% da povoación en poucos meses, un 20% máis que na actualidade. Un sacrificio que segundo o Governo é necesario, urxente, e do cal a Arxentina sairía fortalecida, recuperando o papel que tiña hai un século na economía mundial. Aínda que non se dan prazos, nen hai folla de ruta.

Neste relato esquecese que estamos noutro intre histórico, cunha recomposición política e económica do mundo. Ademais, estes mesmos sacrificios, centrados na caída dos salarios, a diminución de servizos e prestacións públicas, da privatización, xa se fixeron con outros governos e tamén noutros países da América Latina, con resultados negativos pra maioría social. O medre do PIB foi recollido esencialmente polas grandes fortunas locais e sobre todo polas grandes empresas transnacionais. As propostas de Milei, no esencial, segue o mesmo guión que a globalización neoliberal nas últimas décadas, só que con medidas máis radicais que aumentan os sacrificios.

Pra contrarrestar a mobilización social contra estas medidas, o Governo acaba de anunciar, por medio da Ministra de Seguridade e máis o voceiro da Presidencia, límites á realización de accións de protesta e a máxima dureza contra o corte de rúas e estradas, tanto por parte das forzas de seguridade como dos medios xudiciais. Trátase dunha ameaza que pretende reducir a participación nas manifestacións, non é precisamente unha actitude que axude a que o povo opine e teña protagonismo. Esperan tanta contestación social?

As medidas decididas polo governo de Milei afectan máis duramente ás familias que dependen dun salario, e das pensións e subvencións públicas, dado que o Governo non parece moi disposto a aplicar unha actualización inmediata que evite a perda do valor adquisitivo, senon tirar proveito da demora. E aínda que as declaracións de Milei apostaban porque a “casta” debería pagar esencialmente o custe da recuperación da economía e do emprego, na práctica as medidas que se tomaron botan sobre as clases populares a maior parte dos custes. Quen manifestou a súa satisfacción por estas políticas foi o FMI, en boa medida responsábel da situación de crise; tamén a Bolsa de Bos Aires que subiu un 6% o primeiro día. Estes son os primeiros pasos do “anarco capitalismo” depreciación de salarios e pensións, paralización da obra pública, eliminación das subvencións ao transporte e enerxía,... Ou sexa. Neoliberalismo radical, con algunha pinga de achegas aos sectores máis marxinados, neste caso: por canto tempo?

Te puede interesar