Opinión

Non se debe resolver en falso a secesión

Malia que se diga agora que abdicación rei xa estaba planificada con antelación, todo indica que non foi así. Abonda ollar a improvisación, e que os resultados das eleccións europeas, o referendo en Cataluña, e o mundial de fútbol, precipitaron a decisión. Resulta evidente que o sistema está desprestixiado, e dentro del a monarquía, polo que urxe facer cambios pra que non mude ren en relación ao fundamental pras clases dominantes, ou sexa: alentar a centralización e concentración da riqueza e do poder.

Arredor do rei creouse o espellismo de que se debe á súa intervención o éxito do remate da ditadura, ignorando a loita de décadas do movemento obreiro e do nacionalismo das nacións dependentes (Cataluña, Euskadi e Galiza), saldada con milleiros de detidos, represaliados, e non poucos mortos. A monarquía e o capitalismo, e un estado das autonomías que non superase a descentralización administrativa, foi a garantía que esixiron os restos do réxime pra a transición, e que aceptaron o PCE e o PSOE, pra poder acceder ao governo. Os Pactos da Moncloa serían o golpe de graza á ruptura democrática, que tan duramente se está pagando.

A abdicación de Juan Carlos volve poñer a debate na sociedade a necesidade ou non da monarquía. Un tema que as direccións dos principais partidos sistémicos, PP e PSOE, non queren sequera abrir, polo que aceleran o proceso de sucesión, cos mesmos métodos antidemocráticos cos que reformaron a constitución pra sacralizar o tope de déficit público esixido por Bruxelas. Mais, que lexitimidade ten unha institución, como o Parlamento, para tomar esta decisión cando os partidos maioritarios xa non teñen o 50% do apoio electoral?

Sempre está xustificado que un tema de tanta importancia pase por un debate na sociedade e unha consulta. Porén, neste caso resulta evidente que existen máis razóns que nunca, xa que o modelo está esgotado. Polo tanto é necesario que se abra un debate que inclúa aspectos esenciais, que están cuestionados pola maioría social, como son: o sistema económico e social, a cuestión da república, e o dereito de autodeterminación pras nacionalidades que integran o Estado español.

Agora ben, hai aspectos que implican moi directamente as nacionalidades da periferia, e os seus dereitos, que se deberían resolver exclusivamente no marco da decisión soberana dos seus habitantes. A pregunta é: ¿están a sociedade e os partidos políticos españois preparados pra un reto democrático desta envergadura? Se fose deste xeito, negaranlle o PP e PSOE a Galiza o que estarían dispostos a outorgar a Cataluña e Euskadi? Ao que que engadiría outra pregunta: ¿os afiliados/as galegos destes dous partidos están dispostos a renunciar a eses dereitos, á nosa cultura, identidade, lingua e capacidade de decidir, vendo como cada día perdemos capacidade produtiva, povoación e poder económico e político?

En resumo, ficamos diante dunha crise do modelo político que as clases dominantes queren resolver con cambios de persoas na cúpula do Estado e, con seguridade, novas alianzas por arriba. Mais isto non muda a distribución cada vez máis desigual da riqueza producida, tanto entre clases como entre territorios. Tampouco evita a represión contra aqueles que contestan a inxustiza laboral e a negación de dereitos básicos, mentres que a xustiza é condescendente coas grandes fortunas e altos directivos, cando os afectados son pequenos aforradores ou traballadores/as. A única saída democrática pasa por darlle ao povo a participación e protagonismo que lle corresponde nos medios e nas institucións. Pechar en falso esta crise de lexitimidade aumentará o descontente social e a confrontación.

Te puede interesar