Opinión

O agro esperta

Durante os últimos meses as protestas no agro son cada vez máis fortes. Estas encetaron nos países do leste da Unión Europea fronteirizos coa Ucraína, por mor da entrada da produtos agrarios libres de calquera taxa coa escusa da guerra con Rusia, aos que ademais non se lle exixían os mesmos requisitos de calidade que aos producidos dentro da Unión. O corte de estradas dos agricultores contou cun gran apoio social, aínda que desde organismos executivos da UE houbo máis sensibilidade en relación co conflito na Ucraína que preocupación pola situación do agro. 

Ademais o agro, en toda á UE, está intentando resistir a unha situación complexa dun deterioro continuado, por mor do: aumento do prezo do gasóleo e da enerxía en xeral, e as caídas de produción por cambios climáticos cada vez máis intensos. Ao que se suma un posíbel acordo entre a UE e o Merco Sur que sería unha competencia directa en sectores claves, como o cárnico, cereais, etc. Na práctica implica un trato desigual por parte da UE que impón condicións ecolóxicas pra os produtos cultivados ou o gando que se cría na Unión que non esixe ás importacións foráneas, como xa sucede coas da Ucraína, Marrocos,... poñendo por diante os intereses das corporacións do comercio e as finanzas, que hoxe teñen un rol destacado na cadea de valor, e están constituídos por uns poucos grandes grupos empresariais. 

Cómpre ter en consideración que estas mobilizacións danse en países cuns ingresos pola actividade agraria moi distinto e mesmo con explotacións agrarias con dimensións moi diferentes, e polo tanto na porcentaxe destas que se poden considerar viábeis pra manter a actividade no futuro. Hai unha gran distancia entre unha explotación media en Alemaña ou Francia e outra en Galiza ou Grecia. Daquela que estas mobilizacións do sector agrario, que en moitos casos mesmo foron por diante dos sindicatos do sector, amosen a gravidade, a situación límite dunha actividade tan importante, polo que representa respecto dun recurso tan básico como o alimenticio que debe estar o máis achegado posíbel aos habitantes. Lembremos a pandemia do covid, os cortes de vías estratéxicas por conflitos ou accidentes, etc... que deixan en evidencia que as importacións sempre deben complementarias. 

Segundo confirman os estudos os prezos que se lle paga ao agricultor/ra practicamente non se modificou na última década mentres que estes aumentaron sensibelmente pra o consumidor/ra. Daquela que se pechasen moitas explotacións familiares por non sen rendíbeis. Ademais as tan lembradas axudas da UE concéntranse naquelas explotacións máis grandes, mentres que o 75% dos pequenos e medianos produtores só perciben un 15% das achegas, con menos de 5 mil euros por explotación. A UE, ao servizo das grandes corporacións e fortunas, non pretenderá solucionar a perda de competitividade, polo aumento do prezo da enerxía (sancións a Rusia), sacrificando o agro importando alimentos de países con menos garantías e un cambio na moeda favorábel?

Por se non abondase, no relativo da marxinalidade do agro, causando o despovoamento e avellentamento do mundo rural, existe un oligopolio privado moi concentrado que controla as sementes, o comercio ao por maior e minorista. Unha cadea no proceso produtivo que deixa en moi poucas mans a fixación dos prezos, en prexuízo dun sector agro-gandeiro que, aínda que se concentrou moito nas últimas décadas, e que antes realizouse na industria e os servizos. Ademais, tampouco é a saída máis convinte, xa que aumenta as eivas pra acadar un desenvolvemento equilibrado, cunha mellora da calidade de vida no rural e que atenda a preservación do medio ambiente. O sistema está cuestionado, a alternativa é un cambio de modelo.

Te puede interesar