Opinión

Pélets e eleccións autonómicas

Por se non houbese conflitos e problemas abondo na Galiza, aos que temos que sumar aqueles que hai no resto do mundo (dos que moitos inciden no noso país en maior ou menor medida) máis unha vez un desastre ecolóxico atinxe ás praias galegas, neste caso pola caída ao mar de varios contedores dun barco a que pasaba a uns 80 quilómetros ao oeste de Viana do Castelo, no irmau Portugal. Segundo a información coa que se conta cando menos un deses contedores abriuse, espallando pola costa galega as 1.050 sacas de 25 quilos, que racharon ciscando as boliñas de plástico (“pélets”) de menos de 5 milímetros. O barco de nome Toconao e bandeira liberiana pertence á navieira danesa Maersk, unha das máis grandes do mundo. 

Dado o tamaño das boliñas a súa mistura nas praias coa area resulta evidente a complexidade que implica recollelas pra eliminar este obxecto estraño que contamina plantas e animais. Esta foi unha tarefa que se marcaron unha vez coñecido o problema todas as persoas, organizacións e algúns partidos políticos, comezando polas asociacións ecoloxistas. Agora ben, sendo esta a resposta da sociedade costa entender que pasase tanto tempo pra darlle solución a este grave problema, cando sucedeu hai máis dun mes que esta carga se perdeu no Atlántico, e o día 13 un veciño detectase os primeiros sacos en Corrubedo. Como se pode tomar tan á lixeira pola Xunta de Galiza e o Governo central? Cando nestes casos as prevención debe ser inmediata. Non foi así, polo que foi medrando a desfeita e chegaban á costa galega máis millóns de boliñas plásticas arrastradas polas ondas do mar. 

O máis preocupante, a esta altura, é que ambas administracións intentan restar responsabilidades ou culpar á outra. Ou mesmo, como fai a Xunta, utilizar a escusa de que se trata dunha función que lle corresponde a cada concello, e en mar aberto a Salvamento Marítimo que depende do Governo central. En todo caso tivese quen tivese as competencias efectivas a responsabilidade política principal, como Governo galego que sempre debe ser, correspóndelle á Xunta de Galiza, tanto respecto de tomar medidas de prevención como esixirllas aos concellos e ao Governo central se son da competencia exclusiva dalgunha destas institucións. 

Todo amosa que en Madrid viron este feito como un problema sen transcendencia, e o máis grave que a Xunta fixo o propio (esquecendo como antecedente o Prestige unha desfeita ecolóxica e económica que todos e todas vivimos tan directamente). Todo parece indicar que o Governo galego quixo afastar ou cando menos canear toda posíbel sensación de alarma. Sen dúbida algo incidiu a convocatoria das eleccións o 18 de febreiro nas que as enquisas dan un triunfo do PP, mais perdendo votos e deputados/as, e cunha porcentaxe de abstención moi alta, superior a 1/3 do electorado. Un feito que debería preocupar. O positivo é a resposta máis unha vez dunha morea de persoas voluntarias pra recoller, aínda que sexa con medios primitivos e artesanais, os pélets en areais e outras zonas da costa. 

Agora ben, unha vez que o tema está en todos os medios, máxime cando xa atinxe a Asturias e Cantabria, non é correcto que o PP trate ao mesmo nivel as medidas a tomar, que son esenciais, que canear responsabilidades por restarlle importancia á desfeita. Non hai argumentos pra xustificar a demora na resposta, tampouco polo Governo central, que tamén ten a súa parte. Mal camiño o escollido pola Xunta que amosa seu nerviosismo diante das vindeiras eleccións, sabedor de que este é un tema que preocupa a unha gran parte dos galegos e galegas. En que medida vai incidir nas eleccións?... Cal vai ser a porcentaxe que perda o PP?... Cantos/as van optar pola abstención ou outras alternativas, por exemplo o BNG que encabeza a oposición?... 

Te puede interesar