Opinión

Quen debe pagar a reconstrución?

A medida que se prolonga a guerra, aumenta a desfeita de infraestruturas e a masacre da povoación de Gaza, por parte do exército israelí, os planes do Governo de Netanyahu semellan cada vez máis claros, respecto de que a liberación dos reféns e a destrución de Hamás son a gran escusa pra facer inhabitábel polos palestinos/as a Franxa, cando menos a curto prazo. Non sería unha novidade, o Estado Israelí construíuse ocupando territorio e desprazando á povoacion palestina a países limítrofes (Xordania, Líbano, Siria...). Ademais, neste caso concreto, non se pode obviar o interese de Israel nas importantes reservas de gas que hai na costa da Franxa de Gaza, e non son poucos os que especulan coa construción dunha nova canle que una o Mar Roxo e o Mediterráneo suplindo en boa medida a canle de Suez. 

O tempo aclarará máis estes escenarios, mais ningún deles se debería desbotar, máxime cando a esta altura non existe ningún plano de reconstrución concreto, malia a urxencia tendo en consideración o grao de destrución de Gaza. Dise que hai conversas con Arabia Saudí e os Emiratos Árabes Unidos sobre o tema, e que estarían dispostos a adicar recursos á reconstrución, mais ren hai concreto, e pra un proxecto desta entidade non se obteñen recursos e non se planifica en poucos meses; e non se pode obviar o grao de desfeita da cidade, vivendas, negocios... e da actividade económica e social.

Polo tanto, xa debería estar clarificado a esta altura: que papel van ter os/as palestinos na reconstrución e no governo da Franxa de Gaza? É unha cuestión de gran importancia, na que os organismos internacionais deberían dar pasos adiante pra frear calquera pretensión de Israel de ocupar Gaza e desprazar a toda ou parte da súa povoación. A postura que manteña neste tema os Estados Unidos é fundamental, máxime cando non se poden ignorar os importantes intereses militares que ten na rexión (ocupa ilegalmente parte de Siria, ten bases en Iraq, Arabia Saudita, barcos no Golfo Pérsico e agora fronte ás costas de Israel e no Mar Roxo). 

A participación de Washington neste conflito non só está motivada polo apoio a Israel senón que hai tempo que considera esta zona xeo-estratexicamente importante pola súa riqueza enerxética, e un territorio clave nas relacións comerciais entre Asia e Europa. Daquela que, pra alén do que representa de agresión ao mundo musulmán, a masacre de civís en Gaza, un verdadeiro campo de concentración, e da agresión permanente aos palestinos de Cisxordania, hai unha disputa pola hexemonía entre o imperialismo occidental e o agromar de novas potencias rexionais que queren ter un papel soberano nun mundo multipolar. Entre elas están países como Turquía, Iran, Arabia Saudita, Exipto, Indonesia... Daquela, a gran conflitividade rexional (en Líbano, Iraq, Iemen,...), e a pretensión dos Estados Unidos de manter de xeito permanente barcos da OTAN no Mar Roxo (vexase que non participan Arabia Saudita, Exipto...).

A masacre do povo de Gaza, máis de vinte mil persoas mortas, o dobre de feridos/as, son cifras e feitos ques e volven contra Israel e as potencias que apoian os bombardeos e a ocupación. Desde o punto de vista militar as forzas en disputa son moi desiguais e todo indica que a vitoria será do exército israelí. Agora ben este conflito ten un lado político e humano, e neste aspecto a maior parte do mundo está co povo palestino, apostando por unha solución negociada, e apoia o dereito de Palestina a ter un Estado propio, e a contar coa solidariedade mundial pra reconstrución de Gaza e o desenvolvemento do territorio. Israel e os países que lle subministraron armamento e municións deberían pagar a reconstrución, e a ONU garantir o cumprimento deste obxectivo pra avanzar cara un mundo xusto e en paz. 

Te puede interesar