Opinión

Sanidade Primaria, eivas e esixencias

O ensino, a sanidade, a dependencia, as axudas ás persoas con ingresos mínimos que non atopan traballo, así como as medidas pra que os que emigraron por razóns económicas podan volver e os/as que chegan como inmigrantes se integren, son xunto a outras accións, tarefas esenciais das institucións públicas pra evitar situacións de discriminación ou emerxencia. Na sanidade a atención primaria é normalmente o primeiro recurso ao que se dirixen as persoas diante de calquera problema relacionado coa saúde así como pra manter controis periódicos de enfermidades crónicas. Realizar esta función tan importante non é doado cando faltan recursos humanos, un equipamento axeitado, e ademais en non poucos casos os centros carecen da dotación necesaria pra exercer axeitadamente todos os servizos sanitarios á povoación da área. Isto é o que veñen denunciando moitas localidades galegas a través de asociacións, así como os concellos, os propios profesionais dos centros, e organizacións e partidos; daquela que sexan comúns a todos os niveis as mobilizacións e accións de protesta.

Este foi o motivo pra que máis unha vez se fixese unha mobilización nacional en Compostela, á que acudiron persoas de toda Galiza, mais unha vez cunha participación masiva deixando en evidencia a importancia do problema e que a Xunta de Galiza, sexa quen sexa quen a dirixa, ten que colocar este tema como unha das prioridades. A convocatoria foi feita por SOS Sanidade Pública, destacando no manifesto que na Galiza só se adica ao financiamento dos centros de atención primaria o 14% do orzamento do SERGAS cando esta porcentaxe segundo a Organización Mundial da Saúde debería ser do 25%. Ademais, como un dato máis, que reforza a falta de recursos, a nación galega é a segunda autonomía pola cola en canto a gasto sanitario por persoa.

Argumenta SOS Sanidade Pública que: “a Xunta negase a poñer en marcha o Plan Extraordinario e Urxente, necesario pra solucionar a falta de persoal sanitario, que soporta unha situación de desmantelamento e masificación insostíbel, debido á política sanitaria suicida levada a cabo pola Xunta desde 2008. Pra agravar o caso sómente convocará 620 prazas mir das 725 dispoñíbeis polo Ministerio.” Destaca SOS que este déficit de persoal e recursos provoca un colapso dos servizos de urxencia hospitalaria debido ao atraso nas citas pra atención primaria. Engade SOS, que: “continúan os atrancos pra o aceso á asistencia sanitaria por mor da hexemonía da ineficiente consulta telefónica, polo que seguen medrando as listas de agarda que poñen en perigo aos/as pacientes”. Ao que suma, que “aumentan os Centros de Saúde sen pediatra e sen os médicos/as necesarios, así como os peches das urxencias extra-hospitalarias (PACs)”.

Cendo se valoran os recursos sanitarios no país non se pode obviar o avellentamento da povoación, os menores ingresos por persoa que noutras autonomías, así como a importancia de sectores primarios e de primeira transformación, ao que se engade a mobilidade, que esixen un importante esforzo físico. Todas estas son características da sociedade galega que condicionan o número de centros de saúde, de profesionais e os medios de transporte requiridos. Razón pola que SOS solicita ao Governo galego: “activar un plan pra utilizar plenamente os recursos hospitalarios, pra rematar cos perigosas e inxustas listas de espera nas consultas hospitalarias, probas diagnosticas e intervencións cirurxicas”; e esixa: “a derogación inmediata da lei 15/97 porque supuxo a legalización do negocio da sanidade, no que o sector privado obtén desorbitados beneficios”... . As eivas no sector son evidentes, agora todo depende da Xunta de Galiza, aumentando os recursos e esixindo máis medios ao Governo central.

Te puede interesar