Opinión

Soberanía e xustiza social pra periferia

Samir Amin foi un dos pensadores políticos máis importantes das pasadas décadas. Daquela que fose considerado por sectores moi amplos da esquerda anti-sistémica como un autor de lectura obrigada, pra entender a problemática do terceiro mundo e as vías pra a súa emancipación. Amin naceu no ano 1931 na cidade do Cairo, de pai exipcio e nai francesa. Era economista e publicou unha morea de libros e artigos, e deu numerosas conferencias. Estivo no noso país participando da Semana Galega da Filosofía no ano 2011. Entre os seus moitos méritos está o de ser un dos impulsores do Foro Social Mundial (FSM), do que se realizou o primeiro evento no ano 2001, e que tiña un carácter claramente antiglobalización. Ao que asistín, así como a outros posteriores, primeiro en representación da CIG e despois de Fesga. 

 Amin tiña unha visión dun marxismo dende a periferia, inscrito na teoría da dependencia, polo que valoraba a cuestión nacional inserida na loita a prol da xustiza social, do socialismo. A este respecto dicía: “A soberanía de quen? Esa é a pregunta. Fomos afeitos a través da historia a coñecer o que se denominou como a soberanía nacional, a estabelecida pola burguesía dos países capitalistas, polas clases dominantes pra lexitimar a súa explotación, en primeiro lugar sobre os seus propios traballadores, poren tamén pra fortalecer a súa posición na competición cos outros nacionalismos imperialistas. É o nacionalismo burgués. Os países da triada imperialista (naquel intre: USA, Xapón e a UE) nunca coñeceron ata o momento máis nacionalismo que ese. Por contra, nas periferias coñecemos outros nacionalismos, procedentes do desexo de afirmar unha soberanía antiimperialista, traballando contra a lóxica da globalización imperialista do momento (...) Falamos doutra soberanía. Unha soberanía popular, en oposición á soberanía nacionalista burguesa das clases dominantes. Unha soberanía concibida como un vehículo de liberación, facendo retroceder a globalización imperialista contemporánea. Un nacionalismo antiimperialista, xa que logo...”.

A caracterización que fixo das potencias hexemónicas e do capitalismo é clarísima, sen concesións: “O carácter parasitario, cada vez máis marcado, do imperialismo colectivo da triada, sen nada que ofrecer ao mundo (representado pola maioría), e dos Estados Unidos, punta de diamante deste imperialismo, representa un signo de senilidade do sistema (...) a senilidade únese a un novo desenvolvemento da violencia, concibida como último recurso pra perpetuar o sistema” (Samir Amin: “El capitalismo senil”, Revista El Manifiesto, Roma, 2002). A definición como senil do capitalismo semella moi acertada, porque non ofrece un proxecto de futuro capaz de engaiolar á maioría social, polo que volvese máis destrutivo e perigoso. Malia as diverxencias evidentes entre as potencias (hoxe “occidente”) afirmaba que eran secundarias, xa que a súa unidade se baseaba no interese común de oprimir e explotar aos países dependentes. 

Consideraba a China unha potencia emerxente e segunda economía do mundo. Coidaba que seu rápido crecemento non se pode considerar un mérito exclusivo do investimento exterior, xa que outros países fixeron ofertas máis atractivas ao capitalismo e non conseguiron iguais resultados, “o capital multinacional non construíu o sistema industrial chino, nen desenvolveu a urbanización e realización de infraestruturas”.

Respecto do futuro da humanidade albiscaba máis dun escenario posíbel, que dependería da re-politización da sociedade, do control polo Estado da economía, e do protagonismo das clases populares. Uns retos que tamén aplicaba a China.

Te puede interesar