Opinión

A UE atrapada polo pasado

O acordo da Unión Europea polo que, pra facer fronte a un posíbel corte do gas parcial ou total de Rusia, pretende que se reduza o consumo nun 15%, con algunha flexibilidade no caso do Estado español (que máis unha vez deu pasos atrás na súa oposición frontal). A finalidade sería acumular reservas pra o vindeiro inverno. Non se pode obviar que esta solución aínda que se vende como transitoria todo indica que se alargará durante algúns anos, porque conseguir países que substituían a Rusia como subministrador de enerxía e materias primas non é algo doado. Non esquezamos que esta federación ademais é un gran exportador de: petróleo, madeira, o ouro, paladio, platino, cobalto, níquel, vanadio, tungsteno,... 

Ou sexa, a Unión Europea seguindo os ditados dos Estados Unidos, que conta cunha maior riqueza de materias primas, pegouse un tiro no pé, afectando a súa cadea de produción nunha morea de sectores. Evidentemente estas medidas tamén atinxen á economía rusa, mais esta conta con dúas grandes potencias que poden absorber estas exportacións; máxime se son vendidas a a mellor prezo, co que isto implica de beneficio pra China e India como competidores mundiais en determinadas áreas da produción. 

Seica este sacrificio é necesario pra defender a soberanía da Ucraína. Vale, mais: porque non se fixo o propio en Libia, Siria, Iemen, Iraq, Serbia, etc?. E, aínda sería máis lóxico que se cumpriran os acordos de Minsk; tampouco se fixo ren pra evitar o continuo bombardeo das repúblicas do Dombas, que causaron 14.000 mortos desde 2014 ate 2022. Todo indica que se utiliza unha dobre vara de medir, mais neste caso cunha globalización tan grande da economía, atacando a unha potencias das dimensións de Rusia, e acumulando outros países sancionados, as medidas agresivas volvéronse como un búmerang contra as potencias hexemónicas. 

Agora a estas sancións, e ao aumento do gasto en armamento pra Ucraína e en defensa, así como a necesidade de elevar os xuros pra reducir a inflación, súmaselle unha redución do consumo do gas. Tamén se aplicaría nos hospitais e lugares de traballo, nos fogares, nas empresas que utilizan o gas como enerxía pra actividade produtiva? Terase en conta nos fogares a idade e a saúde dos que o habitan? Nos hospitais e residencias con persoas dependentes non semella que sexa unha medida acaida. E, de ter en conta estas excepcións nos fogares e empresas nas que se aplique a redución terá que superar moito o obxectivo medio fixado. Un aumento do custe por consumo, no que se debería valorar cada caso, e mesmo así afectaría os prezos en xeral.

Por se non foran abondo as eivas, e complexidade desta decisión, semella que non se tivo en consideración que dado o alto prezo do gas tanto familias como empresas xa baixaron o consumo, e nalgúns casos véndose obrigados a reducilo drasticamente e mesmo suprimilo. Polo tanto non se parte dunha situación de normalidade, mesmo naqueles países que din non ter problemas de subministro, como é o caso do Estado español (que por certo tamén importa gas ruso e atopase nunha situación conflitiva con Alxeria, por mor de legalizar a ocupación do Sáhara occidental). 

As sancións a Rusia foron un erro, que agrandaron o conflito e aumentaron o número de persoas afectadas pola guerra. E todo indica que Bruxelas en vez mudar de folla de ruta, servir de mediador e facilitar o dialogo, optou por ter unha maior intervención. E a cuestión do gas, non é máis que un dos moitos problemas económicos e políticos consecuencia desta decisión errada, de non querer aceptar o multilateralismo e pensar que a forza (a OTAN) ten a última palabra. Ese mundo está en retirada, aínda que polo momento implique unha caída dos salarios e poda facer pasar frío a moitos/as europeos. A UE debe rectificar.

Te puede interesar