Opinión

A UE sen folla de ruta?


As cousas non van ven pra Unión Europea. En termos económicos o medre do PIB está conxelado ou con crecementos mínimos, especialmente nas súas dúas locomotoras, Alemaña e Francia. Por motivo da perda de capacidade competitiva (por un custe da enerxía máis alto), a caída do sector industrial e das exportacións, e unha actitude belixerante co seu principal socio comercial: China. Ademais, en termos do rol desempeñado no plano internacional, a incapacidade de dobregar a Rusia na guerra na Ucraína, dá azos aos países que tiñan un papel subalterno na cadea de valor, así como ás potencias emerxentes, e aumenta a dependencia da UE respecto dos Estados Unidos. 

Neste contexto, o fracaso das sancións e o avance de Rusia na fronte de batalla, e a fortaleza da economía China, implican un duro golpe pra o papel subimperialista que asumiu a UE desde a Segunda Guerra Mundial, e moi especialmente co auxe da globalización neoliberal desde a caída da URSS. Ademais, malia o que se afirma en “occidente” Rusia está máis centrada en inflixir perdas nas tropas e medios de combate da Ucraína que na conquista de novos territorios (é o país máis extenso do mundo). A da UE é neste aspecto unha falsa disxuntiva utilizada como escusa pra armar á Ucraína e apostar pola confrontación. Semella que faltan proxectos por parte da UE+OTAN pra un escenario como o actual. Semella que nen sequera estaba planificada unha alternativa na que USA puidese reducir os seus envíos de material militar; e hoxe non fica claro cando van continuar, xa que están hipotecados polas diverxencias no Congreso e as próximas eleccións estadounidenses. 

Daquela, as constantes declaracións contraditorias, non só dentro da Comisión Europea senón tamén entre os governantes dos países que integran a UE. En resumo, resulta evidente o fracaso da folla de ruta inicial e a falta dun proxecto alternativo, que ademais debe ser asumido por todos os países membros da UE. Un plan que teña en consideración a capacidade económica e militar real da Federación Rusa, e que valore axeitadamente a enorme dependencia militar da UE respecto dos Estados Unidos nun conflito que se dá no territorio europeo. E, o que é máis grave, que amosa un xeito de proceder durante todos estes anos, onde prima a soberbia sobre a xustiza social, a soberanía, a igualdade e a solidariedade, e un mundo en paz. 

No caso concreto da guerra da Federación Rusa coa Ucraína+OTAN non se poden obviar os antecedentes. Como o golpe de estado pro-occidental, mediante a revolta de Maidan de 2014, coa intención de agrandar á UE e máis a OTAN levándoas ás fronteiras de Rusia, abrindo unha fenda política e territorial na Ucraína. O grave é que non se intentase corrixir aproveitando os acordos de Minsk. Estes nunca se cumpriron, armouse ao exército da Ucraína, e mantivéronse os bombardeos das repúblicas do Dombass, causando 14 mil mortos civís, pechando ás portas a unha federación. O máis preocupante é que todo indica que se aposta só a unha saída militar, co que isto implica en caso de que se estenda a guerra e se usen armas nucleares. Agora ben, aínda non chegando a este estremo, e acordando un alto o fogo, a estratexia dominante na UE conduce ao rearme militar, co que isto implica no ámbito da democracia, de recortes de servizos básicos, de subvencións, de achegas sociais e no eido da cultura, obras públicas, etc. 

Resulta difícil pensar que todo isto non se ve é analiza na Unión Europea, e nos governos dos países que a integran. Polo tanto non podemos deixar de nós facer a seguinte pregunta: non se estará utilizando a confrontación externa pra xustificar un reaxuste económico e social, deixar nun segundo plano o debate do modelo económico-social, e reducir a contestación das clases populares?

Te puede interesar