Opinión

Varios pasos adiante, a Asemblea Nacionalista de 1918

Tendo Galiza todas as características dunha nacionalidade, nós nomeamonos dende hoxe pra sempre nacionalistas galegos, xa que a verba “rexionalismo” non recolle todas as aspiracións nen encerra a intensidade dos nosos problemas”. Este era o limiar do Manifesto Nacionalista de Lugo, da asemblea que se realizou os días 17-18 de novembro de 1918, hai máis dun século.

As Irmandades da Fala foron as que convocaron esta reunión. Entre os promotores estaban Antón Villar Ponte, Lugrís Freire, Uxío Carré Aldao e Florencio Baamonde. Aínda que a iniciativa foi de Aurelio Ribalta a convocatoria concretouse por Antón Villar Ponte. O evento produciuse nun contexto de gran axitación campesiña na Galiza por mor da loita contra os foros e o caciquismo, tamén obreira (lembremos a folga xeral de 1917) e o ascenso das reivindicacións nacionalistas no Estado que deron lugar á Mancomunidade de Cataluña, aceptada por Eduardo Dato e asinada polo Rei en 1913. No ámbito exterior hai que lembrar o levantamento de Pascua en Irlanda (abril 1916) e a Revolución Rusa (outubro 1917).

A Asemblea asistiron 60 persoas representando ás 17 Irmandades de toda Galiza, e 700 afiliados/as. Entre os presentes había unha enorme pluralidade: Losada Diéguez, Viqueira, Risco, Castelao, Quintanilla, Cabanillas, Peña Novo, Blanco Torres... A reunión significou un pulo organizativo, xa que se artella unha estrutura federativa coas irmandades locais, e un Directorio formado polos presidentes das asociacións. Xurde deste xeito unha organización de ámbito galego, que asume un programa común e un voceiro nacional: A Nosa Terra. Non é un partido porque non rexeita a militancia noutras forzas políticas e as agrupacións manteñen unha grande autonomía.

O Manifesto da Asemblea Nacionalista de 1918 esixía unha autonomía integral pra Galiza, o ingreso na Sociedade de Nacións, e propuña iniciativas pra unha federación con Portugal. Pretendía crear un “Poder Autónomo” (en realidade federal), constituído por un Xuntoiro ou Parlamento Galego, elixido por sufraxio universal e representación proporcional, e supresión das deputacións provinciais. O nomeamento dunha Xunta Governadora que tería que exercer o Poder Executivo, composta dun Presidente e seis secretarios. Igualdade de dereitos pra muller.

Algunhas das competencias exclusivas da Galiza eran as seguintes:

Réxime tributario propio, sen intervención do poder central. Lexislación social nas competencias que se estimen non exclusivas do Estado. Toda a potestade docente. Administración dos carrís de ferro. Fixación do cupo de forzas que se estimen necesarias pra garantir a orde interna do país. Control da política económica, incluídos os bancos. Sustentatividades do dereito foral galego. Recuperación por parte do povo dos montes comunais.

Estas propostas eran moi avanzadas para o seu tempo. O manifesto será asinado por todos os representantes das Irmandades presentes na xuntanza, aos que se sumaron delegacións de 67 sociedades agrarias, así como cinco centros culturais; enviando a súa adhesión cinco federacións agrarias, once cámaras municipais, máis de corenta e nove asociacións e numerosísimas personalidades da Galiza. Foi polo tanto unha reunión representativa da sociedade galega.

Na Asemblea de Lugo puxeron os piares programáticos e organizativos aos que posteriormente as Irmandades deron pulo. Entre os que foi fundamental a auto-organización do povo galego a todos os niveis. A asemblea puxo os alicerces que permitiron a rápida expansión do Partido Galeguista na década dos trinta, e a rica actividade creativa que se desenvolveu, ademais de no ámbito político, en moitos máis eidos (literatura, historia, Lingüística, etnografía, etc).

Te puede interesar