Opinión

O voto é un dereito con obrigas

En campaña electoral volve o debate sobre o voto dos residentes no exterior. Dálle pulo que moitos mozos/as que emigraron por mor da crise, especialmente a países da Unión Europea, consideran a súa ausencia transitoria. Hai na Galiza 2.695.748 persoas con dereito a voto o 26-X, das cales 443.677 viven fóra do Estado español (un 16,44%). Na provincia de Ourense, atinxe o 27%. Polo tanto, todo o que se decida sobre os requisitos do voto dos residentes no exterior pode ter unha gran incidencia nos resultados electorais. Non se trata dunha cuestión secundaria, nin de criterios que se podan tomar á lixeira, porque afectan un dereito democrático básico.

Co voto rogado baixou moito o número de votantes no exterior, e aumentaron as denuncias sobre os atrancos que impiden exercer este dereito. Por outra banda, o sistema anterior non ofrecía ningunha garantía (seino porque teño unha vinculación moi grande coa emigración). A carretaxe de votos era común, especialmente por parte dos partidos no governo, que son os que teñen capacidade pra facelo. Tampouco se pode ignorar que hoxe a maior parte dos votantes no exterior son descendentes que nunca estiveron na Galiza, ou emigrantes que levan moitos anos fóra, desvinculados da nosa realidade e que descoñecen moitos dos partidos que se presentan. 

Sen dúbida, non é a mesma a situación dos/as emigrantes que residen en Europa e volven a Galiza todos os anos, e cuxa ausencia é temporal, que a daqueles que marcharon hai décadas, por exemplo á América ou Australia, e manteñen unha relación moi circunstancial co país ou a través dos medios dominantes. Tampouco existe a mesma sensibilidade e compromiso nos descendentes que nas persoas nadas na Galiza. Asemade, de se nacionalizar todos os fillos/as e netos/as, dobraríase ou triplicaríase o censo de votantes. O noso sería un país governado polos residentes no exterior! A maior parte deles, nacionalízanse por se as cousas se poñen mal onde viven; queren ter unha porta aberta a emigrar ao país de orixe da súa familia ou á Unión Europea. Como é lóxico, son e séntense arxentinos, mexicanos, brasileiros... e nestes países votan e participan social e politicamente. Co sistema actual, teñen dereitos superiores a outros cidadáns, xa que poden decidir en dous estados, naquel no que naceron, e no dos seus pais/nais ou avós/as. Non semella moi xusto. Mesmo pódese dar o caso de ter tripla cidadanía.

O voto dos residentes no exterior necesita dun debate que fuxa dos simplismos, no que se diferencie aquel que naceu no país do que non, e ter en consideración o tempo que o primeiro leva emigrado. Non é o mesmo catro anos que vinte. Os dereitos teñen que implicar obrigas. A primeira delas: estar directamente afectado polas decisións que tome o governo elixido. Non se pode converter un aspecto de tanta importancia como é o voto nunha cuestión afectiva, ou nunha ligazón sentimental cos descendentes dos emigrantes, ou destes últimos co seu país de orixe, cando optaron por outra nación como lugar de residencia. As relacións afectivas débense basear na ligazón coa cultura, en dar pulo aos intercambios a todos os niveis. 

Como é lóxico, ter a cidadanía non dá dereito no exterior á saúde, ao ensino e outras prestacións e servizos, cos que si contan os que residen na Galiza. Por que o voto si? En calquera caso, os que retornan ou migran a Galiza recuperan o acceso a todos os dereitos. O voto non se pode desvirtuar, converténdoo nun premio aos que emigraron e descendentes, xa que é unha ferramenta fundamental pra construción colectiva da nación. Débese exercer con garantías, igualdade e plena información. Ademais, por que uns emigrantes, fillos e netos nacionalizados poden votar, e non teñen dereito a facelo na Galiza os galegos/as que viven no Estado español?

Te puede interesar