Opinión

Pensamentos

Nós, mulleres palestinas e israelís, sabemos que os nosos pobos poden vivir nesta terra. Que os nosos fillos merecen unha vida con paz e dignidade. Non queremos que sexan asasinados nen que se convertan en asasinos. Temos que rematar a tolemia. Temos que rematar co uso da forza bruta. Hai demasiados homes con demasiado ego involucrados no incendio deste anaco de terra. Déixennos falar. Nós podemos traer a paz. Os homes falan de seguridade baseada na forza. Nós sabemos que esta seguridade significa ser bos veciños e veciñas. Non queremos que a próxima xeración vista uniforme para ir á guerra (...). Este pequeno parágrafo forma parte do manifesto conxunto lanzado ao mundo polo Centro Jerusalem Link, formado por dúas organizacións de mulleres, ‘Bat Salón’ na beira israelí e ‘Jerusalem center for woman’ no lado palestino, ambas cun obxectivo único: o fin da ocupación israelí e a defensa dun modelo de coexistencia para ambos pobos.


Veñen á miña mente estas mulleres, palestinas e israelís, cando vexo por televisión a un mozo palestino, cuberto coa tradicional kefía e alzando nunha man un fusil de asalto, berrando diante da cámara: ‘Nunca se é demasiado mozo para morrer pola patria, Alláh está connosco’. Penso: velaí un heroe para os palestinos e un terrorista para os israelitas. A seguir, como unha auténtica metáfora visual, aparece a imaxe dun colono israelí: ‘Israel ten non só o dereito de defenderse, senón tamén a obriga de defender aos seus fillos, esta é a terra do pobo xudeu que Deus lle deu a Abraham’, di, mentres sostén na súa man un M-16. Penso: velaí dous soldados de Deus; a lei da Shaaria e o deus Allah, a lei da Torah e o deus de Israel, fronte a fronte. Ambos glorificando a morte, élles máis doce que a vida. Ambos cumprindo cos designios dese Deus que segundo eles sempre está da súa parte. Ambos enaltecendo a barbarie, o ollo por ollo, o dente por dente, o morto por morto. Se Hamas mata a un israelí cun Kassam, Israel ten dereito a matar aos palestinos e a lanzar contra eles a un dos exércitos máis poderosos do mundo. Son os deuses das guerras santas, os deuses tribais, guerreiros, celosos e vingativos.


E sigo pensando que aínda que xuros económicos, territoriais e políticos se entremezclen no conflito, sempre é conveniente tinguilo cun verniz relixioso, pois se algún dos dous pobos posúe ao Deus verdadeiro, Deus estará con eles, coa súa nación, polo que todo está permitido contra ‘os outros’. Que grande é a violencia exercida entre os humanos en nome de Deus! e que afastado queda aquilo da xustiza e a dignidade que debían preconizar os deuses! Penso nesas mulleres palestinas e israelís, musulmanas e xudeas, que defenden aos seus pobos apoiándose no mellor da súa historia, e que lonxe están destes outros que se apoian no peor dela para defender aos seus estados. Penso no eufemismo do señor Obama cando fala de que está ‘deeply concernid’ e ‘na fonda preocupación e desacougo’ que sente o señor secretario xeral da ONU, penso nos 800 mortos, nos miles de feridos e nos milleiros de habitantes de Gaza aos que tanta preocupación e desacougo nos lles serve para moito. Penso que cando os palestinos musulmáns celebren o seu Ramadán, algúns deberán reflexionar verdadeiramente sobre o significado do Islam e rezar algo máis que cinco veces ao día para que seu shahada (testemuño de fe) sexa algo máis que palabras. E que cando no próximo mes de outubro o pobo xudeu celebre o ‘Iom Kipur’, o Día do Perdón, algúns van ter que esforzarse moito para que Deus poida perdoarlles. E finalmente, penso nunha reflexión da periodista Pilar del Río: ‘Calumniar, difamar, sembrar odios y azuzar rencores en nombre de Dios es hacer de Dios un canalla’.



Te puede interesar