Opinión

Mamá, Terra Prometida

Coma a mamá paporrubio, sabes buscar, seductora, o mellor compañeiro para criar os teus filliños indefensos. Serás mamá chimpancé, entregada e amorosa, disposta a facer mil leitos diferentes confortables e garimosos. Es mamá gatiña cando ronronas pegada a min, e mimosa e chea de dozura me metes no sono. Ollos de mamá mouchiña tes cando che conto os meus contos de cada día. Como mamá tigresa, defensora e protectora sen condicións, dominarás os cumios da montaña e serás a miña centinela. E para ver máis alá, serás águia con mirada ó cenit para que me sinta segura e a salvo. Serás dócil ovella, cabriña saltarina, vaquiña paciente e égua poderosa. De ti aprenderei só con mirarte. Non ves, mamá esquío, que non choco o rabo contra as espiñas das rosas…? Seino mover rápido coma ti! Mamá pitiña es, se me cobixo en ti asustada e incomprendida, ou porque tremo de frío, ou porque quero chorar. Baixo as túas ás teño sempre o amparo que preciso e a lúa e o sol brillarán de novo ó escampar.

Serás mamá pomba, a mellor mestra para ensinarme a voar pero tamén me empurrarás enérxica no borde da baranda para que me expanda libre e maxestuosa e aprenda a tocar o ceo coas mans. Contundente, coma a mamá crocodila, cruzarasme río arriba metidiña entre os teus dentes, duros e cárcere brutal para os outros, suave cesta de Moisés para min. Sempre serás mamá koala, o teu corpo, paraiso de amor, segue sendo o meu fogar. Bendita sexas mamá, pola túa caricia eterna, a Terra Prometida.

Te puede interesar