Chora bágoas de emoción a noite estrelada e brilla a xeada enriba dos tellados.Dentro das casas, as luces tráennos aroma a lume, a fume, a leña, a perfumadas caricias de infancia quente e xoguetona. Chora bagoas de emoción a noite sobre nós pequenas partículas de vida-, desas bágoas que nacen da alegría máis profunda, da que nutre o corazón e a alma, esa que procede do manancial espiritual que nunca seca.
A lúa coqueta está pintando os ollos cun sorriso maternal e nos camiños,os grilos entoan o do-re-mi de Nadal. A ra e o sapo facerán os graves nas panxoliñas e a curuxa levará a voz cantante.As fontes arroulan coa súa banda sonora a escuridade fría de decembro e a voz doce dun neno -eco do corazón máis puro- será melodía de amor que peregrinando ceo arriba xirará maxistralmente ata fundirse co son das esferas en melodías tan fermosas que nos facerán pechar os ollos.Xira o sangue e a ilusión… Meu neno, quen coma ti poderá cantar o que vibra en mín, feiticeiro do meu entusiasmo?Adormítase a lua na noite estrelada e a familias falan e rín,cantan e pregan, acenden velas e adornan árbores,cantaruxan nadaliñas ,acariñan as meixelas coloradas dos cativos e coidan os avós con mans de anxo… e ainda lles queda moito máis por dar, dando.Como non vai chorar bagoas de emoción a lúa e a noite máxica, por ti, se lle estás entregando o mellor espectáculo?
Feliz Nadal