Opinión

ARGUMENTOS

Pois entremos directamente en materia. ¿Os centros educativos que escolarizan só a alumnos do mesmo sexo, teñen dereito a unha financiación pública similar á que reciben os centros que escolarizan a alumnos de ámbolos sexos? Ven a conto o anterior porque vai uns días apareceu a noticia de que o Goberno acababa de aprobar un Proxecto de Lei segundo o cal os centros que discriminen por razón de sexo non recibirán ningún tipo de axuda económica das administracións públicas.


E como era de esperar, os comentarios, nun e noutro sentidos, non tardaron en producirse. Entenden, uns, que a escolarización diferenciada é, por principio, discriminatoria e que, como tal, non debe recibir subvención. En tanto, para outros, unha ensinanza con separación por sexos é tan lexítima coma outra calquera, polo que debe recibir as mesmas axudas que a ensinanza mixta. En apoio das súas posturas, uns e outros apelan a todo tipo de argumentos (sexan biolóxicos, psicolóxicos, pedagóxicos, sociais, ou de educación comparada), que non podemos transcribir aquí por falta de espazo. Unicamente recoller, de cada un deles, aqueles argumentos que manexan con maior insistencia.


Defensores da educación diferenciada: Os nenos e as nenas teñen intereses distintos. Ademais, as nenas maduran antes ca os nenos e como estes non poden seguir o ritmo daquelas, frústranse e non renden. De aí, a conveniencia de separar ó alumnado por sexos.


Contrarios a disgregación: A separacións dos alumnos por sexos corresponde a outras épocas e a outras culturas, non ós tempos de agora nin ás formas de vida da sociedade na que nos desenvolvemos. Nenos e nenas críanse xuntos na casa, camiñan xuntos pola rúa, están xuntos no cine, nos parques, nas praias. E ocupando os mesmos bancos, rezan xuntos na igrexa. Logo así, ¿por qué separalos, precisamente, na escola?


Argumentos a favor da educación diferenciada, argumentos en contra; con tres posibles saídas. Primeira: Autorizar a posta en marcha de centros privados (só masculinos, só femininos), recoñecéndolles o dereito a percibir as mesmas axudas económicas que o resto dos centros. Segunda: Permitir o funcionamento de centros privados (só masculinos, só femininos), pero sen posibilidade de acollerse ó réxime público de concertos escolares. Terceira: Oposición radical a que nos centros escolares se discrimine ó alumnado por sexo (sexa no seu acceso, sexa na distribución dos alumnos por aulas).


Pois nestas estamos. E outro día volveremos.


Te puede interesar