Opinión

EXTINCIÓN

Opasado día 20 do presente mes, o xornal La Región anunciaba en portada, con grandes titulares, que a provincia de Ourense perderá un 10% dos seus habitantes na próxima década. Eran datos extraídos do recente informe sobre tendencia demográfica española elaborado polo Instituto Nacional de Estadística, con proxeccións moi negativas para o conxunto de Galicia, e de especial gravidade para a provincia de Ourense. Se ao anterior engadimos que Galicia figura noutro informe do INE como a segunda comunidade española coas maiores taxas de mortaldade, o panorama cara ó futuro xa non poder ser máis negro.


Noticias que, en todo caso, non deberan collernos de sorpresa, xa que é problema que ven de moi longo. Sobre todo no medio rural no que, dende vai moito tempo se ven incrementando, ano a ano, o número de pobos abandonados. Segundo o INE, e con datos referidos ao conxunto de Galicia, a finais do 2011 había 1.408 pobos nos que non vivía ningunha persoa e outros 2.050 que non pasaban de dous veciños. Total, 3.458 aldeas practicamente valeiras, nunha desfeita que non parece ter fin.


Tendencia demográfica á baixa, que encontra o seu mellor reflexo na poboación escolar. Nun informe da Inspección Educativa da provincia de Ourense realizado no ano 1994 ('Informe sobre escolarización. Proxeccións cara ó ano 2000'), actividade que se me encomendara, resultaba xa patente o acusado descenso de alumnos na maioría dos centros escolares. Nun dos apartados do informe facíase unha análise da evolución das matrículas entre o curso 1980-81 e o curso 1994-95. Pois ben, nun treito de tan só quince anos, houbo 17 centros na provincia cunha perda de alumnado superior ao 60% (Avión, Baños de Molgas, Beariz, Blancos, Calvos de Randín, Cartelle, Castro Caldelas, Cualedro, Entrimo, Irixo, A Mezquita, Muíños, Nogueira de Ramuín, Padrenda, Rubiá, A Veiga e Vilardevós). É máis, de ampliar este análise aos 32 últimos anos 1980/2012 hai catro centros dos citados (Calvos de Randín, Cualedro, A Mezquita e Vilardevós) con perdas de alumnado superiores ao 90%. Certo que na cidade e nas vilas o descenso leva sido moito menor. Si, pero descenso ó fin.


Total, de seguir a este ritmo, cál o futuro de Ourense, cál o futuro de Galicia. Cál. Máis vale non preguntar.

Te puede interesar