Opinión

INFINITO

Nun mes de agosto de continuas convulsións monetarias e descalabro nas bulsas, nun mes con guerras en Libia, Siria, Afganistán, Sudán, Iemen, Somalia..., no mes de referendo si referendo non, no mes da visita do Papa a Madrid, nun mes, en fin, no que a folga no negocio do fútbol estivo a punto de provocar hecatombe nacional. Nun agosto con sucesos así, non é de estrañar que pasase case inadvertida a noticia na que se daba conta de que o Instituto Astrofísico de Canarias acababa de detectar unha galaxia distante da Terra 5.000 millóns de “anos luz”.


Si, si, 5.000 millóns. Que multiplicados polos millóns e millóns de quilómetros que percorre a luz nun ano, nos dará cifras de mareo. Eu pediríalle a Juan Casalderrey, profesor de matemáticas e amigo, que fixese un esforzo para que mediante escalas, gráficos e comparacións, me puidesen resultar algo máis dixerible unhas distancias entre galaxias que a min se me antollan infinitas. ¿Universo infinito, ou non? ¿Pero que é o infinito? ¿Cales os límites do Universo? ¿E máis alá deses límites, que? ¿A nada? Pero, ¿que é a nada? Preguntas xa vellas, e ás que ó longo da historia se lles leva dado as máis variadas respostas, tanto dende o eido da Filosofía, como o da Teoloxía, como o da Ciencia. Pero sen que, de momento, se teña chegado a conclusións coas que todos se mostren de acordo.


Unhas respostas que van dende a negación da existencia real do propio espazo, mera creación da mente humana (como tratou de demostrar Zenón de Elea no século V a.c. a través da súas xeniais e desconcertantes aporías, paradoxos), pasando pola controversia entre Newton (físico) e Leibniz (filósofo e matemático). Para Newton, o espazo e o tempo, teñen existencia real, con independencia de que existan nel obxectos ou se produzan sucesos, en tanto, para Leibniz, espazo e tempo tan só existen se conteñen obxectos e sucesión de feitos. E chegando a Einstein que, ao igual que Leibniz, se mostra contrario o espacio-tempo absolutos de Newton. Para Einstein, tempo e espazo e están inmersos no universo, e non ó revés.

Si inclúo aquí as referencias anteriores é tan só con obxecto de pór de relevo a complexidade da cuestión, a través das mutuas contradicións sobre os conceptos de espazo e tempo entre os máis grandes xenios da historia.

Por ir rematando, e como última reflexión, ¿que pintará o planeta Terra, ese minúsculo puntiño, na inmensidade do universo? ¿Que pintará?

Te puede interesar