Opinión

PROPOSTAS

A verdade é que, nos últimos tempos, os altos directivos de caixas e bancos non están a gozar dun gran aprecio por parte dos cidadáns, xa que máis ben todo o contrario. Os cidadáns non acaban de entender como na actual situación económica, de extrema gravidade, aqueles se viñesen asignando remuneracións certamente escandalosas. Xenreira que alcanza a toda cúpula bancaria, a toda, pero dunha maneira moi especial aos directivos de entidades que recibiron algún tipo de axuda pública para a súa supervivencia. Ata tal punto o cabreo da xente que, alarmados, os directivos comezaron a tomar conciencia de que algo teñen que facer para cambiar unha situación cada día máis preocupante para eles. 'Algo hay que hacer, pero qué', pregúntanse uns ós outros sen saber moi ben por ónde empezar. Pois xa que se topan en apuros, e desexan reconciliarse co persoal, aí van algunhas propostas.


Punto primeiro. Reunión urxente dos distintos Consellos de Dirección para decidir a cuantía da súa propia redución salarial. Sería recomendable que a redución fose superior á fixada polo goberno, e que incluso alcanzase, con carácter voluntario, a entidades bancarias non afectadas pola nova norma.


Punto segundo. Reunión do equipo de asesores para un análise exhaustivo das comisións (cargas) que na actualidade se están a cobrar ós clientes. Con proposta, ao Consello de Dirección, de que se retiren todas aquelas que o equipo considere abusivas. E que en ningún caso se proceda a implantar cobro de comisións polas entrevistas dos clientes con algún empregado da entidade bancaria; un rumor que, con fundamento ou sen el, anda circulando por aí.


Punto terceiro. Encargar a un gabinete de expertos a elaboración de protocolos que contemplen os distintos tipos de contratos entre a entidade bancaria e os clientes (préstamos, hipotecas, depósitos, plans de pensións, compra de accións). Documentos que en ningún caso debería pasar dun folio escrito por ambas caras. (Pois canto máis longos, máis farragosos). Destinando o anverso á descrición do acto a formalizar, con expresión de dereitos e deberes de banco e clientes, e outras precisións que veñan ó caso. E o reverso, en redacción facilmente entendible por todos: a rendementos, custes, prazos, garantías e riscos que tal contrato comporta para o cliente. ¡Sorte!

Te puede interesar