Opinión

Por que non investigar a crise dos encoros no Parlamento galego?

Desde hai más de tres meses asistimos ao baleirado salvaxe de varios encoros. Notámolo especialmente en Ourense ao termos no territorio a metade das instalacións de gran hidráulica de Galiza, pero é un problema de país debido ao papel de reserva enerxética que se nos impuxo desde o franquismo.

Grazas ao xornalismo local e de proximidade, puidemos seguir esta crise de cerca e ver como, ao tempo que o prezo da luz bate récords case diarios, as empresas alteran os caudais para especular malia os danos ambientais e socioeconómicos.

Hoxe o problema continúa mentres continúa o estéril pim pam pum entre Xunta e Estado, pelexando por repartir unha responsabilidade que é compartida. O máis grave é que a estas alturas temos a certeza de que a Xunta sabía que isto ía acontecer desde o 10 de xuño e non actuou. Non fixo nada para evitalo nin tomou medidas para conter danos. Máis aínda, non foi ata 83 días despois, o 4 de setembro, cando incoou sancións. Isto require de explicacións: a Xunta non actuou antes por incompetencia ou para non molestar ao lobby eléctrico?

Ante a gravidade dos feitos, desde o BNG pensamos que o Parlamento ten unha obriga co país: analizar as causas, as consecuencias e as responsabilidades. Aclarar que aconteceu e concluír que medidas tomar, tanto para compensar o dano causado como para evitar que volva pasar. Por iso, propuxemos unha Comisión de Investigación que o PP vetou coa desculpa das “competencias”. Se Galiza non ten ningunha, como é que pode sancionar e incoar expedientes? Evidentemente é un problema que moitas decisións sobre a xestión da bacía do Miño-Sil dependan de Madrid. As nacionalistas témolo claro, foi o propio PP quen hai apenas uns meses volvía vetar a demanda da transferencia a Galiza da Confederación Miño-Sil. Aquí a cuestión é se usamos o autogoberno para defender este país ou non, se atallamos o problema ou se a preocupación de quen goberna é que o problema deixe de ocupar portadas. E se tan convencida está a Xunta de que actuou ben, porque non poñer luces e taquígrafos? Cal é o medo?

Este veto recorda inevitablemente a outros. Pasou o peor da pandemia e Galiza non vai investigar o acontecido nas residencias. Pasou o que pasou co sistema financeiro galego e hai unha comisión bloqueada desde hai nove anos. No 2013 vivimos o accidente de Angrois e o Parlamento galego nunca impulsou unha investigación. A semana pasada o Congreso acordaba reabrir a súa grazas ao impulso do BNG, ERC e Bildu. Agardamos que finalice e traia xustiza e reparación, mais a demora e a renuncia a perseguir a verdade desde Galiza quedarán na nosa historia coma unha vergonza.

O autogoberno, con independencia das diferentes aspiracións que temos as forzas con representación en Galiza, existe na medida en que se emprega. Resulta ilustrativo que a maioría do PP estea máis ocupada en usar o Parlamento para conmemorar o 40 aniversario do Estatuto de cara á galería que para activar as posibilidades da cámara para resolver os problemas dos galegos e galegas. En definitiva, amosa unha vez máis que para o PP de Feijoo a presunta defensa de Galiza neste contexto é só unha pose coa que autoexculparse. Resolver os problemas do país, queda para outro día.

Te puede interesar