Opinión

Cando os “liberais” intentaron vender o relicario de San Rosendo

O pasado 1 de marzo, seguindo a tradición, conmemorouse en Celanova a festividade de San Rosendo. Fai séculos, este día e o de San Torcuato eran os máis importantes para os monxes, que os celebraban con boato: festa de sete capas, sermón e chocolate. A liturxia incluía –e inclúe– a procesión das reliquias do santo, que se conservan en cadansúa urna de prata no altar maior, onde as mandou colocar o abade Claudio Tenorio a principios do s. XVII para “mayor decencia y seguridad”, a dicir de frei Benito de la Cueva. Para Castellá Ferrer, en cambio, a mudanza foi totalmente desacertada: “Estavan con harta más magestad y decoro adonde los avia puesto el cardenal Jacinto, esto se gana en deshazer antiguallas. Viose aquel día un luto, y tristeza en todo el convento, y en los abades que se juntaron a aquel acto, que fue cosa notable”.

As dúas arquetas, obra do prateiro Juan de Nápoles, son das mellores mostras da ourivería ourensá. Unhas auténticas xoias, de valor incalculable. O que non evitou que, trala exclaustración, estiveran a piques de desaparecer vítimas da furia desamortizadora dos liberais máis exaltados, cando, en xullo de 1837, a Junta provincial de enajenación instaba ó bispo de Ourense a trasladar as reliquias a “otros vasos” co fin de depositar os existentes na capital e “en seguida anunciar su venta conjuntamente a las mas alhajas de plata procedente de los conventos suprimidos”. Consideraba, a citada xunta, “que en vasos, arquetas y urnas de cristal embuido en madera se conservan con igual veneración”. O peso da prata, coa que se pretendía financiar a guerra contra os carlistas, estimábase nunhas 10 arrobas (segundo frei Benito de la Cueva, cada arca tería 154 marcos de prata, id est máis de 6 arrobas castelás, é dicir máis de 35 quilos deste metal precioso).

Como era de esperar, o bispo Dámaso Iglesias negouse de maneira rotunda a colaborar coas autoridades liberais, esixindo “piedad y respeto devido a las santas reliquias que aun las tropas de Napoleón respetaron tanto en Celanova como en la Catedral Metropolitana de Santiago y otras partes”. Para o bispo, os relicarios estarían dentro das excepcións previstas nas leis desamortizadoras por ser obxectos de culto, argumento que non aceptaba a Junta de enajenación, pois o mosteiro de Celanova “ni es ni ha sido parroquia ni estan al culto sus reliquias (por estar cerrado) ni su iglesia y accesorios pueden conservarse más tiempo que el puramente (preciso) para su venta o demolición”. Así, era imposible o entendemento.

A caída en desgraza do goberno de Calatrava e Mendizábal, e o conseguinte ascenso dos liberais moderados ó poder, fixo que os ánimos se calmasen. Paralelamente, en xaneiro de 1838, os veciños de Celanova solicitaban ó bispado o traslado da parroquia da igrexa de San Verísimo ó antigo templo conventual “en atencion a que aquella, bastante reducida, se halla a un estremo de la poblacion, y el estorbo de un rio que baja de la sierra unido al piso cenagoso y desigual, son causas de que dejen de concurrir a ella en tiempo humedo a los oficios divinos la mayor parte de los feligreses”. O traslado fíxose efectivo un ano despois, co permiso das autoridades.

Malia que a guerra xa rematara, o retorno dos progresistas, acaudillados polo xeneral Espartero, reaviva o expediente dos relicarios á altura do ano 1842. O Ministerio de Facenda cuestionase “por que no se recogieron en su día, como las demás alhajas de las Yglesias de Conventos”. O párroco da vila resposta sinalando o mérito artístico e o valor simbólico por riba do valor económico que tería a prata, pois “son de madera cubiertas de cascarilla muy trabajada, que para separarla de la madera, sería preciso consumir la sesta parte de su valor, el cual a juicio del artifice mas imparcial deve ser de pocas onzas de plata... ni aunque fuera quintuplo, considero no dever profanarse las sagradas reliquias que alli descansan, cuya medida sería un hecho muy servil y desagradable a todo el País, por la devocion que se tiene a tan sagrados obgetos... Por esas consideraciones, sin duda y mas bien tal vez, por no exasperar al pueblo que le miraría con el mayor desagrado, no se ha tocado a ellas”.

Te puede interesar