Opinión

Birdman, de Iñárritu

Cunha cita do escritor americano Raymond Carver (1938-1988) dá comezo a excelente fita de Alejandro González Iñárritu: Birdman ou a inesperada virtude da ignorancia. A devandita cita formula unha pregunta interesante, que, nalgún momento da vida, calquera persoa poderá facerse ao botar un ollo ao pasado. Conseguimos realmente o que desexamos nesta vida? Na resposta a esta cuestión que abre o filme radica a clave de todo. Cal é entón esa clave que nos axudará a situarnos nesta historia trepidante? Moi sinxelo, a importancia que para Riggan -interpretado por un excepcional Michael Keaton- ten sentirse amado. É entón esta unha historia de amor? Non. É un relato sobre a febleza humana. 

O actor Riggan Thompson arela recuperar, non tanto a fama -aínda que tamén-, mais o prestixio perdido e, xa postas, o afecto da súa familia. Neste proceso sofre episodios delirantes nos que sente a voz de Birdman, o superheroe que interpretara anos atrás, falándolle na orella. Este insólito alter ego proporciona momentos de humor que se agradecen moito. Será pois el, o home-paxaro, quen “mire por Riggan”, para que non perda a perspectiva e lembre a súa “relevancia”. Así, cando o actor voa pola cidade -Iñárritu tivo o acerto de facernos ver a paranoia de Thompson-, Birdman dille, referíndose á altura, “Ves? Este é o sitio ao que pertences. Por encima de todos”. Facer explícita a metáfora nese voo inesperado -Riggan vese voando coma quen vai ao super-, é unha desas escenas que recollerá a historia do cine. 

Sen dúbida. Alejandro González Iñárritu, claramente en estado de gracia, acaba de rodar o seu mellor filme. Non só ten diálogos audaces que manteñen a tensión ao longo da fita -pasa do decadente ao irónico para tocar o drama sen ningunha afectación-, mais unha interpretación, en xeral, moi lograda. En especial, a de Edward Norton -American History X, As dúas caras da verdade, O club da loita-, un actor impresionante que borda o papel. As discusións que mantén con Michael Keaton son, en efecto, do máis intenso do filme. 

Hai quen afirma xa que Birdman é a obra mestra de Iñárritu e, sinceramente, non vai moi desencamiñado. Esta historia é dun frenesí tal que se fai difícil desconectar. Dende o momento inicial, cun Keaton visto de costas, levitando, até o final. Mais, que sucede ao final? O director non deixa que o vexamos.

Te puede interesar