Opinión

O caso de Martin Venfondern

Martín estaba convencido de que o ían matar e tiña medo. Despois das ameazas recibidas, moitas delas gravadas, pode comprenderse ese temor constante que o levou a instalar cámaras de seguridade na propia casa. Porén, unha cousa é esa intuición da traxedia e outra ben distinta ver como se realiza, sentir como a vida se apaga, sen poder defenderse. Desgraciadamente para Martín, o peor dos seus pesadelos cumpriuse hai catro anos. Terrible? Certamente. O 19 de xaneiro do 2010, Martín Verfondern baixou de Santoalla no seu coche, un Chevrolet Blazer, para facer recados en A Rúa. Parou nunha cafetería da vila -Cuatro Caminos- a tomar café, e, ao rematar, colleu o vehículo para volver á aldea, pero xamais chegou alí. Dende ese día ninguén soubo del. 

Especulouse moito. Pensouse, por exemplo, que podería ter liscado para vivir noutro lado, mais non houbo movemento ningún nas súas contas. Daquela, con que cartos desaparecería Martín Verfondern? Como andar polo mundo adiante sen un can? Tería entón algúns aforros na casa? Podería ser, mais, todo apuntaba a unha traxedia, como acaba de confirmarse, tristemente, nestes últimos días. A policía sempre tivo no punto de mira á única familia que vive alí dende hai moitos anos, porque, como moi ben explicou Martín no seu día, algún membro desta familia o ameazara de morte en diversas ocasións.

No entanto, como do dito ao feito hai un treito, custaba crer que for así, isto é, que o matasen. Como pensar iso de persoas coñecidas de toda a veciñanza de Petín e A Rúa? A verdade é que se fai duro descubrir que si, que dous membros desa familia, Juan Carlos Rodríguez e Julio Rodríguez, están implicados nun homicidio. O primeiro, cunha discapacidade de grao medio, parece ter sido o autor da morte e o segundo, Julio, o encubridor. Todo isto aclarouse, despois da aparición do Chevrolet de Martín Verfondern, o pasado 18 de xuño, en Portela do Eixo -A Veiga-, xunto cuns ósos e mais un ordenador. 

Que cousas ten a vida! Cando todo o asunto estaba parado, a situación deu un xiro de cento oitenta graos en seis meses e a verdade saiu á luz. Menos mal! I é que non hai crime perfecto. Unicamente poden faltar pistas ou unha confesión, que, sen dúbida, no caso de Martín Verfondern, chega tarde. Iso si, mellor tarde que nunca.

Te puede interesar