Opinión

CINEMA GALEGO

Fánseme interesantes as declaracións de Miguel de Lira (Lira, 1964) ao respecto da situación do audiovisual galego. O actor coruñés, que vén de recibir o premio Mestre Mateo á mellor interpretación masculina por 'Crevinsky', asegura que o sector está en crise. Segundo conta, están a pechar as produtoras e non se crean historias novas como consecuencia da falta de apoio por parte da Xunta de Galicia que, nas propias palabras do artista, pechou 'as billas que o estimulaban'. Triste. Abofé que si. Triste e decepcionante. Aquí, neste país pequeno, o que sobra é falta de fe.


Afacémonos tanto a pór os ollos fóra que, polo que se ve, caemos constantemente no 'papanatismo' que deriva na ausencia de confianza no traballo da nosa xente. É que nunca aprenderemos a ter sentido da medida? Cren vostedes que Truffaut ou Bergman terían feito filmes de non haber quen os apoiase? Existe un complexo soterrado, por parte do goberno actual, que deriva no 'ensimesmamento exterior'? Moi posibelmente.


Parece claro que volvemos ao de sempre: non temos sentido da medida. Por unha banda, algúns vangloriáranse de coñecer cinema de autor de procedencia europea, cun nome normalmente difícil, e outros de afirmar que os americanos coñecen ben a industria.


Ambas as dúas opinións levan implícita unha afirmación que non todas as persoas ousan expresar abertamente: aquí non sabemos facer películas. O caso é que esta falta de entusiasmo arredor da produción cinematográfica galega, de certo vergonzosa pola submisión á cultura exterior, propicia o estancamento da nosa modesta industria que, a día de hoxe, conta con actores moi bos e guionistas excelentes que únicamente necesitan un voto de confianza. Porque cando caemos na conta, por exemplo, de que Tosar é un actor impresionante? Cando Iciar Bollaín contou con el, en 'Flores de otro mundo', ou necesitamos que lle desen o primeiro Goya -ten tres- por 'Los lunes al sol?'. Pois como Tosar hai máis.


O cinema galego forma parte da nosa cultura, cómpre pois cuidalo ben. Conseguir ser observados dende fóra tal e como nós observamos. Con atención e respecto.

Te puede interesar