Opinión

Davide Salvado

Davide Salvado é un artista dos pés á cabeza. Este mozo de Marín (1981) compite polo Mellor Album de Músicas do Mundo -Worl Music- polo seu disco Lobos, xunto con Cuban sound Projet, Espacio Exterior, Gecko Turner, Los Granadians e Barcelona Gipsy Balkan Orchestra. Alén disto, no apartado de Mellor Álbum en Galego, tamén podemos atopar a Davide, ademais de Terbutalina, SES, Anxo Pintos, Roberto Comesaña, Cristina Pato e outro gran músico, Xabier Díaz.

En efecto, Salvado ten iso que adoitamos denominar talento, dada a intelixencia natural -é un autodidacta- e as evidentes aptitudes para a música e mais a interpretación. No entanto, sabemos que con capacidade e intelixencia non chega.

Para que o potencial deixe de selo e poida, finalmente, materializarse, cómpre traballar duramente. Davide Salvado é pois moito máis que un home talentoso ou intelixente. É un auténtico currante. Daquela, unha parte importante dese rigor e sutileza que o caracterizan vén determinada por unha entrega total. Por esa razón foi quen de percorrer as aldeas da Galiza na procura dos ritmos, cancións e danzas das mulleres galegas. El mesmo deixa claro este labor minucioso de escoita e atención, ao explicar, por exemplo, a orixe dun dos temas do disco titulado “Helena”, que leva este nome en homenaxe á muller que interpretou para Salvado e para a xente coa que traballa moitas cancións populares.

Sinceramente, canto máis coñezo deste artista, máis admiración e orgullo sinto. Supoño que isto acontece, porque me gusta a xente seria, esa que se entrega en corpo e alma ao que fai, sen escusas, conseguindo así unha execución perfecta.

Salvado, como Xabier Díaz ou Anxo Pintos, pertencen a este tipo de persoas, que, lonxe de se conformar, andan sempre á procura de máis e mellor. Iso sen termos conta da solidariedade existente no mundo da música no que as colaboracións entre artistas é algo habitual. De feito, Salvado ten tocado con Budiño, e, neste novo disco, Lobos, faino xunto con Quim Farinha y Santi Cribeiro, compoñentes do xa desaparecido grupo folk Berrogüetto. Isto proba, máis unha vez, que sempre atoparemos maior beneficio en colaborar.

Te puede interesar