Opinión

Dhogs, de Andrés Goteira

Andrés Goteira case fixo o pleno ao quince nos Mestre Mateo. De 15 estatuíñas levou 13. Case nada! Alén disto, Dhogs xa recibira outros premios nos Festivais de cinema de Sitges, Londres e Bos Aires. Ante un éxito así, o primeiro que o público podería preguntarse é se a cousa é para tanto e paga a pena ir vela. A resposta é si. A ópera prima de Goteira é redonda. Non só pola historia que relata, mais polo xeito en que foi montada. Seguindo un pouco a estética de Tarantino -el fala de Pulp Fiction, coma unha posíbel influencia, mais eu coido que tamén hai algo de Kill Bill-; de Léo Carax -aí está a excéntrica Holly motors, do 2012-; de Gaspar Noé -pénsese na polémica Irreversíbel- ou do propio Sergio Leone, -de quen recolle a sensación de asfixia, provocada, en parte, por unha estética sucia-, Dhogs devén un filme provocador e irreverente. 

Un dos logros da película é que, malia non ter un ritmo trepidante, consegue capturar a atención dende as secuencias iniciais. O director insiste moito nas entrevistas nisto da lentitude - “é unha peli pausada”-, porque, talvez, cre que esa pausa pode supór un problema para atrapar o público, mais, ao meu ver, non ten nada de que preocuparse. A xente que acode habitualmente ao cinema está afeita a ver thrillers cun ritmo narrativo semellante, así é que ha desfrutar co visionado de Dhogs. Considero, polo tanto, necesario poñer enriba da mesa un detalle importante, que coloca a Andrés Goteira nun lugar interesante: é posíbel facer moi bo cine en galego e atraer o público menos entregado. O director lucense demostrouno con este traballo. En todo caso, para ter unha idea aínda máis clara do que imos atopar en Dhogs e de que maneira nos afectará, habería que destacar a presenza da figura do espectador como parte da historia, algo que favorece esa provocación mencionada máis arriba. 

Goteira percorre varios xéneros -western, thriller, drama, ciencia ficción-, rompe a linealidade cronóloxica, xoga incluso coa volta atrás -un pouco na liña daquela gloriosa escena de Funny Games, de Haneke, na que un dos protagonistas rebobinaba os seus propios movementos ao premer o mando a distancia do televisor!- e consegue sorprender. E todo isto filmado en galego. Non é para menos sentir orgullo ante un talento emerxente coma o de Andrés Goteira, que coloca, unha vez máis, o noso cinema nun lugar destacado. Se a isto engadimos o talante do director, naturalmente humilde e espontáneo, aínda mellor. A ver se seguimos así.

Te puede interesar